A alcaldesa de Santiago teme que, "faga o que faga" o Concello, a Xunta "non quere" declarar zonas de aluguer tensionadas

Ángeles Vazquez afirmou "non entender" a "presuposición" da rexedora da capital galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2024 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mostrou este luns as súas dúbidas sobre a intención da Xunta de solicitar zonas de aluguer tensionadas e cre que, "faga o que faga" o concello compostelán, a administración autonómica "non quere". "O que nos está transmitindo a Xunta é que eles non queren esa declaración e non están por esa vía. Iso é o que nos preocupa", manifestou a preguntas dos medios en rolda de prensa.

Así, volveu a insistir en que o goberno local fará o seu traballo e o departamento de Urbanismo prepara xa a documentación, que "require informes exhaustivos" e que Sanmartín recoñeceu que "non se fan en dous días, nin en 15, nin nun mes". "Hai que facer un estudo do conxunto do Concello, porque é evidente que non queren falar de concellos en xeral, senón ir a zonas, que desde Urbanismo se vai a estudar. Xa se está traballando niso, pero non é algo de facelo xa", apuntou.

CONDICIONANTES

Nesta liña, reprochou que a Xunta puxese "unha serie de condicionantes que van moito máis alá dos requisitos que se marcaron desde o Estado". Neste contexto, Goretti Sanmartín lamentou que "teme" que "faga o que faga" o consistorio municipal, o que a administración autonómica lles transmite é que "eles non queren esa declaración".

"Nós faremos o noso traballo, pero eu teño as miñas dúbidas de se despois de que fagamos o noso traballo se a Xunta non vai atopar algún outro problema e dicir 'agora falta isto ou o outro', porque o que transmite a Xunta é que non queren facer esta declaración", reiterou. De feito, criticou que o Goberno galego "renuncia a algo que poderían facer de maneira directa sen porlle máis deberes aos concellos dos moitos que xa teñen".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

VIVENDA CRITICA ESTAS DECLARACIÓNS 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda criticou as palabras da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Ante isto, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez dixo "non entender" a "presuposición" da rexedora da capital galega, posto que o acceso á vivenda é "un tema moi serio" no que, en opinión da Consellería, "hai que actuar de maneira rigorosa e velando polos intereses de todas as partes implicadas".

Así, a Xunta lembrou que "deixou claro desde o principio" cal é a súa postura neste asunto: "A Xunta non vai declarar de oficio zonas tensionadas en Galicia porque considera que as obrigacións que fixa esta figura contribúen a desincentivar que os propietarios poñan as vivendas en aluguer e mesmo a reducir a oferta. De feito, son medidas que xa fracasaron noutros países e cidades europeas".

Con todo, destacou que tras a aprobación da normativa estatal de vivenda, "que non prevé ningunha fórmula nin explica como proceder ante unha posible solicitude deste tipo", a administración autonómica introduciu modificacións na Lei de vivenda galega para "regular, de forma clara e concreta, como deben ser as peticións dos concellos para declarar zonas tensionadas". Por iso, apuntou que no caso concreto de Santiago foi o Goberno local o que anunciou que solicitaría a declaración do municipio como zona tensionada, "antes mesmo de facer calquera estudo sobre a situación do sector".

"Desde a Xunta o que sempre defendemos, e imos seguir defendendo, é que calquera solicitude neste sentido ten que estar debidamente argumentada e xustificada", insistiu. Neste contexto, sinalou que é "totalmente razoable e nada disparatado" que un Concello "serio" que queira declarar unha zona tensionada "fágao en base a datos obxectivos que fixa a lei estatal e elaborando unha proposta de medidas para corrixir a situación, tal e como establece a normativa".

"Poida que á alcaldesa de Santiago lle pareza moito, ou difícil, cumprir a normativa, pero é a mesma para todos e as administracións somos as primeiras que temos que dar exemplo no cumprimento da lexislación vixente", conclúe a Consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta