Os colexios médicos opóñense ao Plan XIDE: "Os pacientes non teñen por que explicarlle os síntomas a un administrativo"

En rolda de prensa, instaron á Consellería de Sanidade a presentar "un traballo con validez clínica" para demostrar o correcto funcionamento deste plan, que consideran que "non cumpre as condicións éticas e deontolóxicas" e "vulnera o dereito á confidencialidade e a seguridade dos pacientes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2024 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Os presidentes dos colexios médicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra reiteraron este luns o seu desacordo co Plan XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) e coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o avala. En rolda de prensa, instaron á Consellería de Sanidade a presentar "un traballo con validez clínica" para demostrar o correcto funcionamento deste plan, que consideran que "non cumpre as condicións éticas e deontolóxicas" e "vulnera o dereito á confidencialidade e a seguridade dos pacientes".

Desta forma, o presidente dos colexios médicos galegos, que tamén o é do colexio provincial de Lugo, Eduardo Iglesias, afirmou que o Plan XIDE do Sergas "derruba a concepción da relación médico-paciente", que o persoal non sanitario, como o é o persoal de servizos xerais (PSG) "non debe ter a potestade para valorar e dar prioridade aos pacientes", e os pacientes non deben perder a confidencialidade explicando os seus síntomas a un administrativo. Por iso, recorren ao Tribunal Supremo "como defensa da profesión, que queda en dúbida, e a calidade da atención aos pacientes".

Así, os médicos declararon que o problema dos centros sanitarios é a burocracia, onde si debe existir unha separación para non sobrecargar aos sanitarios con traballo que non lles corresponde, pero a parte médica debe ser levada integramente por persoal sanitario. Ademais, cren que o Plan XIDE "non reduce a carga burocrática", máis ben "auméntaa", pois o PSG, ante a dúbida, pasa ao paciente ao médico. Ademais, dixeron que lles "chama a atención a disparidade de criterios" en comparación con outros recursos expostos ao TSXG, como o da renovación das receitas farmacéuticas a pacientes crónicos por parte de farmacéuticos de atención primaria, instrución que o TSX anulou.

Desta forma, o Consello de Colexios Médicos recalcou que "o conselleiro de Sanidade coñece a negativa ante este plan desde hai anos", ao consideralo unha triaxe que dá prioridade en relación ao que consideran o PSG, que "non están capacitados para resolver e determinar patoloxías médicas". Finalmente, chamaron a todos os cidadáns que vaian a un centro de saúde a que esixan que os atenda un sanitario, e que non compartan os seus datos médicos con persoal non sanitario.

Sala de espera do Sergas
Sala de espera do Sergas | Fonte: XUNTA - Archivo

RESPOSTA DA XUNTA: PERMITE A REDUCIÓN DAS CONSULTAS SEN CITA NUN 50 %

Ante esta oposición, o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, defendeu que o sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo), que permite fixar citas en centros de saúde en función de como describan a doenza os propios pacientes, "está a funcionar", cunha redución das consultas sen cita "nun 50 %". Non entanto, dixo, a Xunta está "aberta a melloralo permanentemente".

"A redución de consultas forzadas foi dun 50 %, que era obxectivo deste sistema que está a responder á súa demanda", explicou Comesaña. Do programa, asegurou que foi creado "con metodoloxía, con criterio e con participación, por suposto, de médicos do resto de categorías". "É unha ferramenta que mellora a situación cando un paciente vai sen cita a un centro de saúde", asegurou.

No entanto, o conselleiro recoñeceu que ten "ámbitos de mellora" e "non hai ferramenta perfecta". "Estamos abertos a melloralo permanentemente", sinalou respecto diso para recalcar que "en varias ocasións" reiterou ao presidente do Consello Galego de Colexios Médicos a "vontade" da Xunta de reunirse "e optimizar aqueles aspectos que seguramente teñan que ser optimizados". "Estamos a esperar por esa reunión", indicou. Respecto dunha posible vulneración dos dereitos dos pacientes, Comesaña insistiu en que o sistema "non atenta contra a intimidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta