Redúcense as listas de espera en Galicia, pero sobe a unha semana a demora para consultas

As cifras melloran os datos do ano anterior, pero están moi lonxe dos prepandemia, cando as consultas tardaban 30 días menos de media.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/04/2024 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Galicia alixeirou as súas listas de espera sanitarias ao longo de 2023, cunha diminución de pacientes que agardan por unha intervención cirúrxica, así como o tempo medio de demora neste ámbito. Tamén son menos os pacientes que esperan por unha primeira consulta de especialista, aínda que neste caso incrementouse en 7 días a espera media para unha cita, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade.

En concreto, a 31 de decembro de 2023 había en Galicia 45.027 persoas á espera dunha intervención cirúrxica, máis dun milleiro menos que ao peche do ano anterior. A espera media se situa nos 67 días, o que tamén supón 8 días por baixo das esperas de 2022. En canto ás consultas, hai en espera en Galicia 3.700 pacientes menos, un total de 212.281. Con todo, a pesar de diminuír a cifra de persoas, o tempo medio de espera increméntase con respecto ao ano anterior, pasando dos 66 días do peche de 2022 aos 73 do último exercicio completo, unha semana máis. O 43,1 % dos pacientes esperan por unha primeira consulta máis de dous meses, segundo o informe.

CIFRAS LONXE DE 2019

Aínda a pesares de mellorar nalgúns índices, estas cifras son significativamente peores que as que tiña o sistema sanitario galego antes da pandemia, un nivel que Galicia se propuxo recuperar a final do ano pasado. En concreto, hai en Galicia 9.307 pacientes máis en espera dunha intervención cirúrxica e a espera media é 9,7 días superior á do peche de 2019.

Ademais, hai 45.000 persoas máis en espera dunha primeira consulta que antes da pandemia e o tempo medio incrementouse en 31 días (42 fronte a 73). A 31 de decembro de 2019 só esperaban máis de dous meses por unha consulta o 25,2 % dos pacientes e a día de hoxe supoñen o 43,1 %.

POR ESPECIALIDADES

En canto ás listas de espera cirúrxicas, a información do Ministerio apunta que o maior número de pacientes en espera está nas especialidades de oftalmoloxía (11.912), traumatoloxía (10.621) e cirurxía xeral e dixestiva (7.853). Por operacións concretas, 10.240 pacientes están á espera dunha intervención de cataratas, 2.051 de hernia inguinal ou crural e 1.789 en espera dunha prótese de xeonllo.

Os tempos de espera máis longos para unha intervención, pola súa banda, están en neurociruxía (97 días), otorrinolaringoloxía (75 días) e traumatoloxía e cirurxía plástica (74 días). En canto ás consultas, 38.269 pacientes están á espera dunha de traumatoloxía, 32.895 de oftalmoloxía, 16.400 de otorrinolaringoloxía, 12.776 de dermatoloxía e 12.195 de neuroloxía. Os tempos de espera máis altos son os de oftalmoloxía (76 días) e neuroloxía (75 días). Neste último servizo, máis da metade dos pacientes esperan máis de 2 meses para unha consulta.

BO POSICIONAMENTO A NIVEL NACIONAL

Tras coñecer estes datos, a consellería de Sanidade aplaudiu que, segundo reflicten, o sistema sanitario galego sitúase como o terceiro a nivel nacional con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, 61 días por baixo da media estatal, de 128 días. Ademais, Galicia tamén é a terceira comunidade con menor cifra de pacientes que esperan máis de seis meses, a 2,7 % fronte ao 24,3 % da media nacional. Respecto da primeira consulta, o sistema sanitario público galego sitúase en quinta posición, con 28 días menos de espera que a media española, que é de 101 días.

Unha muller sae con máscara do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a 10 de xaneiro de 2024, en Vigo
Unha muller sae con máscara do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a 10 de xaneiro de 2024, en Vigo | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta