Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2025 | Actualizada ás 18:23
As tres universidades públicas galegas e as organizacións sindicais acordaron iniciar a negociación do terceiro convenio colectivo do persoal docente laboral. Está previsto que a negociación comece coa constitución a finais de febreiro dunha mesa paritaria que conformarán 15 representantes por parte das universidades (cinco por cada unha das universidades públicas) e outros 15 por parte de CIG, CC.OO., UGT e CSIF, en función do seu número de representantes nos órganos de representación.
Nun encontro celebrado na USC, as universidades e as organizacións sindicais acordaron tamén a actualización transitoria do actual convenio colectivo do profesorado laboral aos distintos cambios normativos producidos nos últimos anos en materia laboral e, particularmente, á Lei Orgánica do Sistema Universitario. Ademais, acordaron recuperar a cláusula de xubilación forzosa que existía neste segundo convenio colectivo e que quedou sen efecto en 2015 por unha modificación do Estatuto dos Traballadores.
ACORDO USC-CC.OO.
Por outra banda, CC.OO. trasladou que este luns asinou un acordo marco coa USC que establece as bases para a clasificación laboral, as retribucións e as condicións de traballo do persoal dos entes dependentes ou adscritos á institución académica. O obxectivo, destacou Comisiones Obreras nunha nota de prensa, é establecer un ámbito común para facilitar a negociación colectiva e garantir unhas condicións mínimas uniformes.
Tamén pretende unificar criterios e mellorar as condicións laborais dun conxunto de traballadores que, "ata o momento, estaban suxeitos a normativas heteroxéneas". Entre os aspectos que destacou CC.OO., unha xornada laboral máxima de 37,5 horas co compromiso de reducila progresivamente ata as 35 horas no prazo de tres anos e a percepción do 100 % do salario en caso de incapacidade temporal, así como unha estrutura común de clasificación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.