O silencio dos establos

Fai anos, o El Pais Semanal publicou na súa portada unha foto de Xurxo Lobato que estou convencido é unha das instantáneas que mellor ten captado a especial relación dos pequenos gandeiros galegos, e das pequenas gandeiras, cos seus animais. Era unha foto na que se vía a un home, xa maior, abrazando, nun xesto que desprendía un inmenso cariño, a cabeza dunha vaca rubia. Non me lembro de nada da reportaxe que Manuel Rivas publicara naquel número dedicado ao noso país. Lémbrome daquela foto.

Por Emilio Martinez | Vigo | 06/05/2016

Comparte esta noticia

Estes días estiven buscando a revista, sen éxito. Moitas veces pensei que pagaba a pena ampliar aquela portada e tela enmarcada nalgún sitio ben visible, na casa ou no despacho, como mostra do orgullo que sinto polo noso mundo rural.  Tal vez un día a dea atopado. Hai outros recordos que estes días me viñeron á cabeza, entre eles a primeira visita a Granxa Maruxa, na Ulloa: a granxa na que as vacas escoitan a Chopin e algunhas veces tamén a Alaska, a mesma granxa na que se producen as galletas de nata que se converteron no agasallo que levo nas miñas viaxes.  Viñéronme a cabeza os recordos das conversas co dono de Arqueixal, artífice de iniciativas tan modernas como o “Son de aldea”, ademais duns iogures e queixos que non hai verbas para describilos. Son estas imaxes da Galicia mais innovadora, da mais creativa, a Galicia das persoas que respectan o medio ambiente e converten ese respecto nunha fortaleza competitiva. Homes e mulleres que atoparon, con moito esforzo e sacrificio persoal, a forma de facer que algo que se produce no medio e medio deste país poda venderse en  calquera parte do mundo, competindo cos mais altos niveis de calidade. E as iniciativas dese tipo seguen florecendo: Daveiga, dende Chantada, coas súas galletas mariñeiras, Beealia, cos seus cabritos e años dende Pol, por citar so dous exemplos mais, aínda que é obriga lembrarme de Milulloa, cos seus grelos deshidratados.

Fronte a estes bos recordos a realidade lanzounos un golpe directo fai uns días. A prensa o recollía así en titulares: “Un gandeiro de Friol afogado polas débedas deixa morrer 40 vacas”. O mesmo xornal daba conta doutros casos semellantes en Chantada e Boiro. Ante isto a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, encóllese de ombreiros, a cousas mesmamente non debía ir con ela: “Isto non ten que ver coa crise do sector lácteo”, atrévese a afirmar nos medios de comunicación. A ignorancia ás veces maniféstase con tremenda rotundidade.

Hai algunhas cousas que a neoconselleira tal vez deberá saber. Algunhas veñen nos libros. Abondaría con abrilos e ler. En calquera manual de psiquiatría ou de psicoloxía a conselleira, ou algún dos seus directores xerais ou asesores, podería atopar que unha situación como a que está vivindo o sector gandeiro galego, onde moitas explotacións non poden facer fronte a pagos básicos como seguros, pensos, coidados veterinarios pode conlevar,  a aparición de problemas psicolóxicos. Problemas as veces, cando as situacións son prolongadas no tempo, moi importantes. Pasa tamén, por exemplo, nos parados e paradas de longa duración, o mesmo que pasa en calquera persoa que se vexa sometida a situación de tensión de forma continua. Tal vez a conselleira coñeza aquel dito popular de “As penas con pan son menos penas”. Tal vez debera saber que a falta de pan sempre produce pena.

O agro galego ten que enfrontar enormes problemas, que teñen distintas causas. Unha das causas é estrutural: falta de políticas serias durante moitas décadas. Falta de políticas pensadas para construír futuro. Cando as políticas existiron existiron dende modelos “desarrollistas” pensados para satisfacer intereses empresariais que en pouco eran coincidentes cos intereses a longo prazo do país, menos aínda cos intereses do propio mundo rural. Non fai tanto, cando políticas estratéxicas de desenvolvemento do rural tentaron poñerse en marcha foi o Partido Popular o encargado de dificultar calquera avance. Lembrádevos dos panfletos contra o Banco de Terras?. Eu si.

A outra causa é a inexistencia dun goberno que atenda as necesidades reais das persoas, un goberno que pense no futuro do país e non meramente na súa supervivencia  como conseguidor da clase dominante: pese a quen pese, faga falta o que faga falta facer. O goberno de Núñez Feijoo só pensa no mundo rural galego como un inmenso graneiro de votos, o seu sostén electoral nun momento no que as cidades e vilas lle viran as costas despois de anos de chapuzas recorrentes, farta xa a cidadanía dos discursos ocos, das repetidas promesas sempre incumpridas. Moi farta a cidadanía de que a tomen por parva coa Galicia fantasiosa que nos debuxan conselleiros e directores xerais na web institucional e nas notas de prensa que se prodigan nuns medios nos que, maioritariamente, o que mais reluce é a ausencia de calquera crítica aos poderes.

A situación do rural galego, do agro e a gandeiría, desgraciadamente, non é diferente da situación doutros sectores produtivos sobre os que as iniciativas do goberno galego redúcense a un: non sabe ou non contesta. O balance das dúas lexislaturas de Núñez Feijoo resúmese en conserveiras galegas vendidas a empresas chinesas, caixas de aforros vendidas a banqueiros venezolanos, asteleiros vendidos a multinacionales mexicanas… e vacas que morren de fame nos establos.

Non son anécdotas. Son exemplos da realidade que agochan as cifras. Hoxe por hoxe o discurso mais elaborado de oposición a Núñez Feijoo non provén das intervencións dos líderes de AGE, Anova, Esquerda Unida, do BNG  ou calquera das Mareas. O discurso mais elaborado o atopamos nas estatísticas oficiais. Contra elas pouco poden as frases rimbombantes que os asesores preparan para o presidente da Xunta, tampouco con esas desoladoras cifras poden moito os chistes malos cos que as veces pretende o noso presidente autonómico aparentar proximidade. En 2015 a taxa de paro foi en Galicia do 19,3%, fronte ao 12,4% do ano 2009. E a cifra non é mais alta porque a taxa de actividade, na que inflúe entre outras razóns o envellecemento da poboación, diminuíu mais dun punto: en 2015 a taxa de actividade foi do 53,5%, mentres no 2009 era dun 54,8%. Na finca electoral particular do PP, o seu laboratorio de políticas, a taxa de actividade é dun exiguo 47,8%.  Galicia perdeu mais de 1.000 millóns de euros de PIB entre 2009 e 2015. Mentres, a renda per cápita de 2015 é a mesma que a de 2009. E para rematar:  en 2015 eramos 2.717 mil galegos e galegas. 80.000 mil menos que seis anos antes. Un país minguante.

E o mellor candidato que o  Partido Popular pode presentar ás próximas eleccións autonómicas e o mesmo que nos ten levado a esta situación. Non é de estrañar que Alfonso Rueda se acicale o mellor que sabe para presentar ao director xeral de REGANOSA nun almorzo no Circulo de Empresarios de Galicia. Os gonzos das portas xiratorias hai que mantelos engraxados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.