Por Europa Press / Redacción | MADRID | 24/05/2025 | Actualizada ás 12:44
O Goberno do Estado reunirase este mércores, 28 de maio, coa Comisión de Infancia e Adolescencia para informar ás comunidades autónomas da súa capacidade de acollida de menores refuxiados non acompañados, nun contexto marcado pola presión sobre os sistemas de protección en territorios como Canarias ou Ceuta.
O obxectivo deste encontro é actualizar a cifra de prazas ordinarias dispoñibles en cada territorio e determinar que comunidades presentan unha situación de sobreocupación, o que permitiría activar o mecanismo de continxencia migratoria extraordinaria. Este procedemento poderá aplicarse nas rexións onde a capacidade se vexa triplicada, sempre coa finalidade de protexer o interese superior dos menores estranxeiros non acompañados.
Unha vez recoñecida oficialmente a situación de colapso, a comunidade afectada solicitará a continxencia extraordinaria, que deberá ser aprobada nun máximo de cinco días naturais e trasladada ao conxunto de membros da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia. O Ministerio de Mocidade e Infancia será o encargado de asignar o novo destino dos menores, en función das capacidades e dispoñibilidades doutras autonomías.
A ministra do ramo, Sira Rego, defendeu esta iniciativa como un paso previo á Conferencia Sectorial de xuño, onde se debaterán posibles modificacións do real decreto-lei que regula o sistema de repartición. “As comunidades poden presentar propostas, pero deben aprobarse por unanimidade”, advertiu Rego, quen tamén lamentou a falta de colaboración dalgunhas autonomías.
En concreto, a titular de Infancia denunciou a “insubmisión” do Goberno de Aragón, que non remitiu os datos de acollida solicitados, polo que xa se presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional e un contencioso administrativo no Tribunal Supremo por incumprimento da reforma do artigo 35 da Lei de Estranxeiría.
A última reunión con carácter extraordinario entre o Executivo central e as comunidades autónomas celebrouse o 5 de maio, nunha sesión marcada pola crítica das autonomías gobernadas polo PP, que tacharon de “arbitrarios e forzosos” os criterios de reparto. O Goberno respondeu lembrando que o real decreto xa fora ratificado polo Congreso e que non se vota novamente na Conferencia Sectorial, ao non se presentaren propostas alternativas polos grupos opositores.
A previsión do Goberno, compartida co presidente canario Fernando Clavijo, é iniciar os traslados este verán. Clavijo alertou do “estado de hacinamento e moita dificultade” nas illas, onde os centros de acollida están desbordados e o sistema presenta carencias estruturais.
Esta nova etapa busca redistribuír a carga entre os distintos territorios e garantir unha atención adecuada aos menores refuxiados, baixo un modelo de cooperación interadministrativa que, segundo o Executivo, reclama compromiso e solidariedade por parte de todas as comunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.