Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2025 | Actualizada ás 15:23
O presidente do Partido Popular e expresidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou este sábado unha romaría do PP celebrada no Pino, na comarca da comarca de Arzúa, para lanzar unha mensaxe política de fondo impacto: o congreso nacional que a súa formación celebrará en xullo “non será de trámite” e buscará marcar un “cambio de rumbo” en España.
No acto, celebrado na carballeira da Magdalena e que reuniu a máis de 4.000 militantes e simpatizantes, Feijóo comprometeuse a recuperar o espírito das súas catro maiorías absolutas consecutivas en Galicia, e proclamou: “Recoñeceredes ao Feijóo das grandes vitorias”.
Na súa intervención, cargou contra o Executivo de Pedro Sánchez, ao que acusou de levar o país a unha etapa de “decadencia”. Asegurou que esa situación rematará “onde ten que rematar, onde diga a xustiza e, sobre todo, na oposición”, e que os populares conformarán “un equipo con todos e para todos os españois”.
Feijóo dixo que pretende facer unha auditoría pública se chega ao Goberno central e puxo sobre a mesa unha batería de promesas políticas: “Todos os españois saberán onde está o seu diñeiro; pagaredes menos e recibiredes mellores servizos públicos”. Tamén asegurou que garantirá a independencia xudicial, defenderá que “as leis sexan iguais para todos” e que os mozos “volvan querer comerse o mundo”.
No que xa soou a precampaña, o líder do PP insistiu en que o partido que dirixe estará “ao servizo de España, non ao revés”, e en que nin factores internos nin externos “amargarán a ilusión dun país que quere avanzar”.
Xunto a Feijóo participou tamén o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, quen lle brindou o seu apoio no camiño cara ao congreso estatal e animou á militancia a traballar unida.
A cita do Pino, máis alá do seu formato festivo e tradicional, funcionou como escaparate de mensaxes políticas dirixidas tanto ao interior do partido como ao conxunto da cidadanía, e como antesala dun verán que, á vista do calendario, podería estar marcado por importantes movementos no escenario estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.