A Xunta declara BIC o Museo Carlos Maside: "Conta coa conformación do presidente de Sargadelos"

A declaración só recolle o edificio do museo e a colección, pero non o complexo industrial de Sada, onde se atopa, tal e como pedía o concello e entidades culturais e memorísticas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A colección Carlos Maside e o edificio do museo que alberga esta colección en Sada, o coñecido como Museo Carlos Maside, serán declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Unha declaración que chega a dez días de que expirara o prazo para a súa aprobación e logo da mobilización de numerosas asociacións culturais e memoristicas e partidos políticos.

Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada | Fonte: GC

"O edificio ten un gran valor arquitectónico e as obras que están dentro son unha perfecta mostra da evolución da arte galega dos últimos tempos", xustificou este luns o presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. A declaración BIC chega tras a "conformación" do propietario do edificio e da coleción, o polémico administrador único de Sargadelos, Segismundo García. Pero, por agora, non afecta ao complexo industrial no que se localiza, tal e como pedía o concello de Sada e determinadas entidades culturais.

Este museo, ubicado no complexo da fábrica de Sargadelos do Castro, en Sada, foi unha institución pioneira que, en palabras de Díaz Pardo, pretendía recuperar “o movemento renovador da arte galega”. Castelao, Laxeiro, Seoane, Urbano Lugrís, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou o propio Carlos Maside son algúns dos autores que permanecen agochados tralas paredes dun edificio que alberga gran parte da expresión artística galega. A menos dun mes da caducidade do procedemento de declaración BIC (Ben de Interese Cultural) deste museo, as asociacións culturais e memorialistas asinaron un manifesto reclamando a resolución do expediente de incoación, incidindo na situación actual do museo: “En todo este tempo, o Museo atravesou unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración". Tamén esta fin de semana, o BNG pedía á Xunta que se efectivizara esta declaración.

O PARECER DE SEGISMUNDO

Ata agora, este museo tiña restrinxidas as visitas a días concretos. De feito, este importante complexo cultural é aínda moi descoñecido para o público en xeral, en parte, polas reticencias do seu propietario a declaralo BIC. Unha batalla que leva anos enriba da mesa e que ameazaban co peche definitivo de todo o museo.

De feito, en 2023, o administrador único de Sargadelos puxa xa condicións á apertura do museo. Facíao tras aprobarse no pleno de Sada unha iniciativa reclamando que a declaración de Ben de Interese Cultural do mesmo se estendera á fábrica e afecte a todo o complexo industrial, algo que non se produciu nesta nova declaración da Xunta.

Entón, o empresario ameazaba con paralizar as obras xa empezadas, anular os investimentos programados, rescindir os convenios co concello e pechar ao público o museo "abríndoo soamente os días e horarios que a Xunta dispoña e se hai persoal para a súa atención".  Algo que, a pesar de non haber declaración BIC ababou facendo nos últimos dous anos.

Preguntado sobre se esta decisión conta co visto e prace do polémico Segismundo García, Rueda dixo que, o propio expediente BIC, xa recolle a "conformación" do propietario de todo o complexo. 

OBRAS DE ARTE

A colección actual do museo consta de 2100 obras e 500 delas están en exposición permanente. Na planta baixa, amósanse as obras de Castelao e do movemento renovador, na segunda planta, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade, e a última planta alberga coleccións de debuxo humorístico e cómic. 2100 obras de arte que puxeron voz a un pobo silenciado e forzado a olvidar as súas orixes. Tres plantas cheas de historia, cultura e tradición que revalorizaron a arte galega e contribuíron a universalizar o coñecemento e o acceso á cultura. Ese é un dos principios fundacionais do Museo Carlos Maside, mais desde o ano 2006, o declive do espírito cultural que vertebraba o proxecto contribúe diariamente a ensombrecer o xerme renovador que Seoane e Díaz Pardo cimentaron en Sada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hai dúas semanas estiven en SADA coa intención de mercar peixe fresco... Sabedes a que chaman en Sada "Mercado Municipal" ? Un baixo comercial no fondo dunha rúa sen saída e se tiña 200 m2 xa sería moito... Un posto de peixe mal abastecido, un de froitas e verduras peor abastecido e un posto de flores que nin flores tiña... Unha Vergoña Municipal ! Levamos demasiado tempo tragando con Concellos que non fan máis que declaracións de medio folio, e rascan os collóns o resto do ano... No complexo de Sargadelos do Castro existe unha piscina con cerámica de peixes e un polbo xigante que merecería un convenio e un socorrista e darlle unha volta aos vestiarios para que a xente de Sada tivese unha Piscina Municipal fronte ao Museo Carlos Maside (agora BIC) e de paso dicirlle aos Sindicatos Sen Representación en Sargadelos que fagan algo en positivo para Potenciar e Fomentar os Traballos Creativo e potenciar a Obra de Sargadelos !