GC Aberto

Do terroir ao terror (1)

Coma nós, as comunidades neolíticas marcaban o territorio cos seus mortos, queimaban o monte con rozas e estivadas e mesmo empregaban o lume cunha fin ritual. No monumento megalítico da Muradella (2800 a.n.e.) ergueuse o "cairn" sobre a terra previamente calcinada, no cumio lemavo do Moncai.

Por admin | Porbra do Brollón | 28/08/2025

Comparte esta noticia

Xurxo Ayán, arqueólogo e veciño de Cereixa, na Pobra do Brollón

Un veciño ve o avance do lume, a 25 de agosto de 2025, na Pobra de Brollón, Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press
Un veciño ve o avance do lume, a 25 de agosto de 2025, na Pobra de Brollón, Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press

Romper a terra, furar,  besar, ir ás tolas, son pasos dunha cadea técnica que se mantivo até a chegada da Modernidade fascista.

Xa antes se pasara das Devesas do Rei medievais aos Plantíos borbónicos da Ilustración. O espazo cartesiano para explotar. Polígonos que obvian a paisaxe histórica e procuran novos lindes en pistas forestais e cortalumes abertos con bulldozers. As comunidades de montes procuran o beneficio rápido, tal como aprenderon no tardofranquismo. As capas de Xeoparque, Rede Natura, Reserva da Biosfera... son invisíbeis para os adoradores da resina e a celulosa.

Os grandes lumes viñeron cando chegaron as putas portuguesas, as motoserras, a farlopa e as bebidas espirituosas modernas. Cando xurdiu a autonomía e entramos en Europa. O ano 1985 é o precedente claro desta nova xeira de pirocatástrofes. Daquela arderan 400.000 hectáreas, e desde a guerra civil non se vira un operativo do Exército español de tal calibre no rural galego. Na festa do Santiago en Castroncelos houbera batalla campal entre soldados e mozos por mor da queima dunha bandeira española. Iso si, os milicos deixaron cartos durante meses na economía local. "Todos contra el fuego, tú lo puedes evitar".

Até entón o lume era xestionado pola comunidade, do mesmo xeito cós montes, os ríos e os recursos todos. Lembro con dez anos o toque de campá a rebato  en Cereixa e os berros pola estrada: ¡Arde Cima de Vila! Cos eidos ainda coidados e con xente a vivir na parroquia, era aquela unha escala asequible. Dado o seu carácter esporádico e excepcional o fenómeno chamaba a atención a veraneantes americanos, emigrantes que nas vacaciòns viñan armados con cámaras de Super 8 e cámaras Polaroid. Por suposto a ningún indíxena lle daba por grabar un lume do mesmo xeito que non se grava un funeral ou un enterro.

Corenta anos despois esta é a gran diferencia. Agora os netos e netas retransmiten a desfeita en tempo real en Tik Tok, cos seus acentos de Euskadi, Madrid, Catalunya ou Franza. Actúan como corresponsais de guerra e empregan o Facebook para reclamar axuda e medios de extinción. Esas imaxes son un torpedo á liña de flotación da cosmogonía galega. Se os galos tiñan medo de que o ceo caíse sobre as súas cabezas, os galegos morremos se nos arde a casa. Somos "sociedades de casa" que diría Lévi-Strauss. Na miña aldea  até fins dos 80 se ardía unha casa toda a veciñanza carretaba, axudaba na reconstrución e pedían polas parroquias lindeiras. Era esta unha lei.non escrita, o meirande símbolo da verba calamidade.

A crise económica, a pandemia, o abandono do rural, os lumes de 2017, 2021 e 2022 fomentaron un sentimento de ruína que explosionou coa destrución do pobo enteiro de San Vicenzo de Leira en Valdeorras. Un veciño ao que lle ardeu a casa declarou ante as cámaras da manipulada televisión galega: "non sei a quen botarlle a culpa porque non sei quen leva a culpa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Moitas afirmacións podo compartilas, pero cómpre dicir que Galicia ardeu de arriba abaixo no 2006 cando o Conselleiro non quixo que entrara o exército español no Territorio (?) Unha investigación de vagar podería establecer que os lumes máis persistentes deste 2025 pode que teñan que ver coa expansión das louseiras e demás canteiras (como no Bierzo con marca Valdeorras "Neopiedras") E non deberamos esquecer que a "conservación" entendida coma un non facer nada para manter territorios virxes (conservacionismo tipo selfies turísticos) debe ter moito que ver co abandono da silvicultura na Nosa Terra (agás ENCE que vai abrir sucursal nas Pontes coa benzón da esquerda Parlamentaria de Galicia)