O presidente do TSXG reivindica a independencia xudicial: "Non é un privilexio, é unha garantía da cidadanía"

O fiscal superior expón unha "estratexia integral" fronte á actividade delituosa en incendios forestais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2025 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, reivindicou a independencia xudicial durante a apertura do Ano Xudicial. "Non é un privilexio, senón unha garantía da cidadanía", aseverou. Foi nun discurso no que, ante os asistentes, entre eles autoridades como o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, ou o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, reclamou máis prazas xudiciais. Ademais, manifestou que a transparencia fortalece a independencia xudicial e a relevancia do papel dos xuíces. "Fai visible que traballamos con obxectividade, responsabilidade e pleno respecto ao interese xeral", afirmou.

Por outra banda, incidiu na atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e os menores en situación de desprotección. Deles, dixo que deben atopar "un espazo seguro nos órganos xudiciais, un lugar onde poidan ser escoitados e protexidos". O presidente do TSXG tamén se referiu á entrada en vigor da Lei de Medidas de Eficiencia no Servizo Público de Xustiza e solicitou ao poder xudicial a súa participación activa na súa implementación.

FISCALÍA

Pola súa banda, o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, nun discurso con balance dos delitos incoados, cun incremento principalmente dos patrimoniais e socioeconómicos, os delitos de lesións e contra a seguridade viaria, fixo referencia á vaga de incendios rexistrada este verán. Aínda que avanzou que será obxecto de estudo na Memoria do próximo ano, lembrou que a Fiscalía Superior emitiu unha instrución interna para potenciar a represión dos incendios e na que insta a valorar as medidas cautelares como a prisión provisional, usando ferramentas tecnolóxicas para solicitar probas e previr reincidencias.

"Non son só unha catástrofe ambiental, son tamén un problema xurídico e social de primeira orde, detrás de moitos deles atópanse condutas delituosas que fan necesario acometer unha estratexia integral que combine xustiza penal, educación social, xestión forestal e compromiso comunitario". Mentres, apelou a afrotar a "insuficiencia estrutural de recursos que acompañan ás reformas da Xustiza en España". "Durante demasiado tempo foi e segue sendo a irmá menor das grandes políticas do país", dixo ao considerar necesario un Pacto de Estado nesta materia.

Acto de Apertura do Ano Xudicial
Acto de Apertura do Ano Xudicial | Fonte: MONCHO FUENTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta