Violencia Xuvenil

Nestas datas en que se fai balance do acontecido durante o ano, vémonos na obriga de botar unha ollada a aquelas cuestións que repercuten no traballo cotiá dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade. Violencia de xénero, terrorismo, delincuencia organizada, delitos contra a propiedade ou as persoas, son asuntos que preocupan á sociedade e aos que formamos parte dese conxunto de homes e mulleres que loitamos por garantila seguridade e liberdade dos cidadáns. Pero hai un que nos ven preocupando e que estimamos de gran importancia e actualidade como é a violencia xuvenil.

Por José Freire | Pontevedra | 13/01/2010

Comparte esta noticia

Se ben é certo que en Galicia os índices de violencia xuvenil non chegan ás cotas preocupantes de alarma social doutras zoas de España ou doutros países do noso entorno, non podemos descoidar o seu estudo nin a súa prevención, atallando da maneira legal más respectuosa, entre todos, os xermolos desta lacra social.
 

Partindo da actual trivialización dos valores  da sociedade e do estilo de relación social baseada no dominio, na forza e na agresividade que se lles ven transmitindo aos  rapaces dende a súa infancia, impregnándolles a preponderancia do individual  sobre do interese común, resulta lóxico que xurdan rebeldes sen causa, porque a medida que van medrando, moitos deles, vanse golpeando aloucadamente contra a vida mesma.  A agresividade é un instinto circunstancial  ao ser humano, e a violencia aparece como o medio mais rápido de  conquerilo que nos  propoñemos. Ninguén está ceibe de reaccións primitivas de carácter agresivo para defendelo territorio que considera propio, pero cando estas se producen de xeito reiterado, terminan  formando unha conduta e pódese chegar a perdela noción  das pautas  e dos valores básicos de convivencia social.
 

Dende a familia, a escola, as Autoridades e a sociedade en conxunto, débese abordar este  asunto coa seriedade e responsabilidade que require e as lineas mestras teñen que inspirarse na pedagoxía da tolerancia, a convivencia pacífica e o respecto, educando para  a socialización, mediante a  cooperación e as condutas reflexivas. A sociedade  en xeral e os políticos en particular, teñen que aparcala hipocrisía neste asunto, e ninguén pode escamotealo seu grao de  responsabilidade.
 

Unha vez traspasada a meridiana que separa as condutas racionais e axeitadas á norma do resto, o camiño convértese nunha carreira histérica que remata topando a muralla que a sociedade sostén para deter estes  comportamentos  marxinais. Esta muralla non é outra que os Corpos e Forzas de Seguridade.
Neste punto, e unha vez fracasadas tódalas medidas adoptadas pola familia, a escola  e os educadores, as Forzas de Seguridade temos que  artellar  mecanismos capaces de prever, controlar  e reprimir calquera agresión ós cidadáns e ós seus bens. Para elo, na nosa organización, coidamos que son precisas algunhas medidas:
 

- Instar ás Autoridades Estatais, Autonómicas  e Municipais ó estrito cumprimento das normas relativas  ao consumo e venda de alcohol e outras sustancias que alteran os comportamentos nas rúas e lugares públicos.
- Solicitar que, por parte do Ministerio do Interior, Comunidades Autónomas  e Concellos, se creen Unidades de Policía  coordinadas e especializadas no control das actividades derivadas dunha mal entendida diversión practicada por unha parte da xuventude, e co obxecto prioritario de evitar e detectar movementos radicais e vandálicos, xurdidos dende estes ambientes.
-Implicación permanente das Administracións para atopar lugares de encontro onde os mozos poidan  ter espazos de  diversión sen regalo corpo con sustancias que alteren os comportamentos, e o mesmo tempo, que cheguen a  fomentalo seu crecemento interior e social.
- Constitución de Foros de Traballo integrado por Administracións, Asociacións de Pais, Asociacións de Veciños, Asociacións Xuvenís, Sindicatos dos colectivos implicados, etc. no que, despois das oportunas reflexións  e análises, se elaboren propostas concretas de actuación.
- Pedir aos medios de comunicación social a sensibilidade necesaria para non difundir vídeos ou gravacións de caracter violento ou degradante, feitas con móbiles ou calquera outro dispositivo, con xúbilo e alarde dos autores e cómplices,  dando sensación de impunidade e poderío.

De non ser así, moito me temo que estaremos engordando un monstro que nos conducirá a unha sociedade futura máis violenta e insegura.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.