Misión Imposible

Apréndesme a pescar? Así reza o reclamo dun trítico católico que rula polo noso país e no que un neno africano aparece cun inxenuo sorriso ao carón dunha cana tradicional, a rentes dun regato.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 16/04/2010

Comparte esta noticia

Este infame paternalismo, esta concepción do bo salvaxe define ontoloxicamente o labor de moitas das empresas misioneiras no continente africano independentemente da relixión á que adican os seus esforzos proselitistas. Imos cun exemplo. Dembi Dollo é unha pequena rexión en Oromía, na Etiopía occidental, perto de Sudán, nos límites do altiplano abisinio.

Toda unha illa protestante no medio dun mar musulmán. En plena zona cafeteira e ben situada na rota comercial que dende o porto fluvial de Gambella levaba a Europa os produtos do país, Dembi Dollo contou coa presenza de misións presbiterianas ianquies dende finais do século XIX. As elites locais, da etnia oromo, deseguida foron adoptando o credo protestante, todo un referente de prestixio pero tamén toda unha diferenciación de clase.

Os católicos, co seu coñecido sentido prático e hábil flexibilidade, tivérono máis complicado. A misión italiana della Consolata posicionouse a prol da invasión italiana de Etiopía por Mussolini e pagárono con creces. Coa volta de Haile Selassie en 1941 o negus deu orde de respectar ao crego xefe da misión, a quen acompañou un militar oromo deica a fronteira con Sudán. Alí, en ton ameazante pero tremendamente poético, na liña de Garcilaso de la Vega, díxolle ao abade que “compría corta-la herba, pero que non tiña fouce”. Así rematou o fascismo nacionalcatólico italiano en Abisinia.

Tralo fracaso das tentativas católicas, o protestantismo seguiría acadando éxitos na segunda metade do século XX. Na década de 1960 misións escandinavas, nomeadamente norueguesas e suecas, establécense na zona, potenciando a conversión de grupos étnicos pagáns, minoritarios, coma os majangir. As misións nórdicas dos Mekkone Jesus comezaron daquela cun proceso de domesticación do corpo, da vivenda e dos costumes conducentes á occidentalización e “modernización” desas sociedades “primitivas”. No caso dos majangir unha monografía etnográfica dos anos sesenta aínda amosaba a súa forma de estar no mundo sen apenas trocos producidos polo espallamento da cristianización.

Hoxendía a cousa cambiou. Na aldea de Ashane os rituais de comensalidade arredor da cervexa desapareceron pola prohibición de inxerir bebidas acólicas por parte da nova Fe. A civilización dos costumes levou á condea expresa dos corpos nus, cubertos agora con farrapos miserentos (grazas aos escondinabos). Os bruxos nin están nin se lles agarda. Algunha tumba cristiá comeza a erguerse nas aforas do poboado. Malia diso, non é tan doado rematar cunha cultura, Deus non é todopoderoso. Cando chegamos a Ashane tiña lugar un funeral por unha muller da aldea. Nun combarrizo en forma de L de 15 m de longo escenificábase o loito por esa perda, baixo un cuberto de lona da Organización de Axuda aos Refuxiados da ONU, reutilizada coma un recurso máis da arquitectura vernácula. Os homes ocupan unha metade do pendello, as mulleres e os nenos outra. Topamos aquí con dous aspectos fundamentais da Tradición majangir; dunha volta, as cortizas de árbore empregadas para faceren esterillas e, antano, a roupa típica da xente antes da chegada da Verdade revelada, e doutra volta, os instrumentos musicais. Os majangir non cantan, pero fan música instrumental. Agora as caixas de resoancia van decoradas coa faciana de Xesús de Nazaret. Con todo, o funeral, de cristián, ten pouco. Polos camiños que conflúen no espazo central da aldea chegan mulleres dos diferentes clans que, coma as plañideiras de Cangas, escenifican a dor seguindo a prática tradicional. Estorroan polo chao, tíranse dos cabelos, berran e a faciana das majangir se convirte nun escenario de acenos e xestos que veñen da noite dos tempos.

Neste tipo de comunidades, sobre todo se vai un acompañado dun representante da Administración local, os xefes pretenden dar unha imaxe de Modernidade. Na aldea nunca hai bruxos ou éstes están no poboado do lado, onde sempre foron un pouco túzaros. A cervexa xa non se fabrica e a xente é de misa de domingo. Dá igual que vexamos cos nosos propios ollos a típica cabana alveolar do bruxo, que non haxa Biblias por ningures e que cada casa teña un enxoval de potes cerámicos, a meirande parte vencellados co procesado de cervexa e augardente. Este doble discurso, o oficial e o material, vése moi ben entre os gumuz de Benishangul e os komo de Gambella. Un home que tiña dúas mulleres, bebía cervexa, tiña escarificacións nas meixelas e cazaba facoceros con lanza declarábase protestante. Ante a nosa insistencia ao preguntarmos se de verdade era protestante limitouse a contestar: “Ben, estámolo intentando”, con esa retranca tan propia dos que se resistiron sempre ao Poder. Non hai leóns con retranca. Noutra ocasión, noutro poboado “protestante” lles recordamos que a súa fe non deixaba beber alcol. Ao preguntarmos que facían despois desas reunións rituais tan pouco cristiás nas que se inxería cervexa contestaron: “Pois imos durmir a mona á cama!”

Algunhas destas misións protestantes adoptaron un discurso radical e fanático que levou algúns grupos a destruíren tallas e representacións escultóricas pagás do século XIII, a levar a cabo unha damnatio memoriae que levou á Administración de Patrimonio Cultural etíope a tomar cartas no asunto. Resulta curioso como o protestante SIL (Summer Institute of Lingüistics) normativiza linguas minoritarias para traducir as Sagradas Escrituras aos idiomas vernáculos, contribuÍndo á súa preservación e, por outra banda, lexitima a radical eliminación desas culturas tradicionais.

Na aldea de Cuchi, dos Mao Amo, acontece algo semellante, pero neste caso co Islam. Seica abandonaron hai cinco anos as súas crenzas a prol do Profeta. Deixaron de facer rituais e sacrificios no monte Bershuma e agora van á mesquita cos veciños oromo. Sen embargo, a pesar do kufi na cabeza e a típica barbiña islámica, nos conxuntos de habitación segue a sobrancear a cabana (amakera) do bruxo (o home que ve).

A islamización e cristianización como motores de cambio cultural van parellas da ofensiva de uniformización do Estado, o que a linguaxe tecnocrática alcuma como “desenvolvemento básico”. As protestas formais de antropólogos e antropólogas estranxeiros que traballan na zona do Omo, perante a destrución incontrolada de espazos naturais e formas culturais, solventouse coa retirada dos permisos de investigación por parte de Goberno etíope. Seica a Antropoloxía vai contra o desenvolvemenerto básico.

Na nosa Galicia tamén se viviu un complexo proceso de cristianización a prol do desenvolvemento básico. De boas a primeiras, tivemos un tipo listo e flexible, Prisciliano, que soubo captar a sensibilidade dos pagani, os habitantes do rural, cun hábil sincretismo relixioso. Despois, o Poder enviou de misións a un ortodoxo panonio, Martiño de Dumio, que se empeñou na civilización dos costumes dos galaicos (De correctione rusticorum) sentando unha liña que segue até hoxe. A ortodoxia explica a conxunción entre Poder e Relixión, a querencia bicadedosdebispo do Baltárida Sénior, os políticos detrás da mitra entrando na Porta Santa, ou esa visita do gasoso presidente da Xunta ao Vaticano, a rentes de Ratzinger, a primeira papisa (legal) da Historia segundo a orixinal tese defendida por un colega meu. E velaquí tendes o principal problema político-vital do gasoso presidente da Xunta: que pretende ser máis papista có propio Papa. E iso, Deus mediante, é unha misión imposible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA