Non é plan

Detrás dun gran político hai un plan, ou non.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 27/03/2010

Comparte esta noticia

Nestes tempos que corren, podemos xogar a ser politólogos e encetar unha clasificación tipolóxica das persoas que se adican á cousa pública en función desta variable:
1.Aqueles que teñen un plan. Antón Reixa, nun xenial monólogo nunha gala en Compostela a prol dunha ONG que traballa en Etiopía, recordou ao público presente a vella consigna dos grupos de adolescentes que saïamos a ligar. Sempre tiñamos un plan: “Si nos organizamos, follamos todos”. Así de prosaicos funcionan os políticos corruptos neste país: “si nos organizamos, hay pastuki para todos”. O plan Matas que leva a pagar 200 euros por unha leituga. Todo un Plan de Aforro.
2.Aqueles que non teñen un plan B. Manuel Fraga Iribarne é o paradigma deste tipo de políticos pouco previsores. O admirador do xurista filonazi Karl Schmidt pensaba que ía liderar dende dentro o paso da ditadura á democracia trala morte do Caudillo. Trabucouse e malia recordarnos aínda hoxe que é un dos pais da Constitución, dende 1978 é un político fracasado, por iso acabou no Senado, un camposanto de elefantes. Dá igual que gañase catro eleccións autonómicas por maioria absoluta. Refugallos, migallas para un home que lle cabía o Estado na cabeza, que tivo que conformarse cun reino de Taifas en vez do Califato. Non tivo nunca un plan B. Un defecto lóxico dos conservadores que pensan que nada cambia.
3.Aqueles que non teñen un plan B e o sustitúen por un plan E. Orixinalísima idea de Zapatero e o seu ocorrente gabinete de crise. Se lles queda algo de lucidez deberían pensar máis nun Plan Renove.
4.Aqueles que nunca tiveron un plan e viven nun estado eterno de improvisación. O gasoso Feijoo é un bo expoñente deste comportamento que non deixa de obedecer ao ideario liberal do libre albedrío, o libre mercado e a defensa da vontade individual. Facer o que lle peta a un en cada intre, independentemente de lealdades institucionais, da responsabilidade do cargo que un detenta ou das obrigacións éticas e morais que conleva deberse aos teus votantes e aos non votantes. O coñecido vídeo do presi (Galicia Confidencial) na famosa cea a prol de Haití (manda truco) non dá lugar a dúbidas. Pero como no caso de Espe, a Tatcher madrileña, sempre queda o vello truco de apelar aos contextos informais, ao ambiente distendido, ás conversas privadas, bla, bla, bla.
5.Aqueles que deseñan “plans perfectamente trazados” como a laboriosa dinastía baltárida. A chegada ao Poder provincial de Baltar Júnior é froito dun plan perfectamente trazado por Baltar Sénior, por iso o fillo confía cegamente nos plans perfectamente trazados. Como afirmou en GC, nun post informativo, a Rede Ourensá de Mulleres Populares obedece a un destes plans perfectamente trazados.
Ter un plan perfectamente trazado é unha expresión que obedece a unha angueira organizativa dun gran trasfondo militar. Esa fotografía eterna da historia bélica do mundo: unha manchea de xenerais enriba dun mapa, emborronando, debuxando movementos de tropas, argallando batallas imaxinarias con soldadiños de chumbo. As grandes ofensivas obedecen a unha planificación que é quen de ordea-la cambiante realidade, de acadar a victoria, de vencer ao imprevisible perigo da derrota. Doutra volta, os plans son a marca de calidade das ditaduras totalitarias. Esa economía planificada. Eses plans quinquenais estalinistas capaces de matar de fame a centos de miles de persoas. Eses plans de desenvolvemento franquistas que tanto colonizan a Terra Cha, como desecan a lagoa de Antela, como asulagan bisbarras enteiras.
O malo dos plans perfectamente trazados é que se adoita pretender que sexan perfectamente executados, sen adaptarse ás circunstancias, sen amoldarse á realidade, sen flexibilidade de ningún tipo. Hoxendía os candidatos gábanse de ter un programa político, un plan perfectamemte trazado… por asesores, empresas de marketing, psicólogos sen fronteiras, artesáns demoscópicos e gurús de distinta caste. Os plans e programas políticos, tal como son concebidos, son auténticos proxectos de ensexeñería social, trazos, non ideas, nun papel en branco, que se esquence se se perde, que se ignora se se gaña. Entrementres esgrímense como proba irrefutable da capacidade de traballo, do liderado natural, da vontade de trocar as cousas, da excelencia da xestión de turno. Resultado desta manobra é esa Rede Ourensá de Mulleres Populares, que supostamente obedece a un plan perfectamente trazado, o mesmo Plan Director que despois de case vinte anos non fixo nada para evitar converter a provincia de Ourense nun xigantesco Plan de Pensións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA