En defensa da seguridade pública

Por José Freire | | 27/06/2010

Comparte esta noticia


Fai uns días, un alto cargo do Ministerio do Interior daba a coñecelos datos da actual situación da seguridade no que atinxe a Galicia. Dicía que Galicia se atopaba nuns niveis de seguridade moi aceptables.

Reto a calquera a que me diga a qué responsable político lle escoitaron dicir, nalgunha ocasión, que eses niveis non eran bos, ou incluso mellorables. Ningún. Sempre son os mellores.

Iso é o que eles mesmos lle chaman a seguridade obxectiva, utilizando datos estatísticos para chegar á conclusión final. E aínda que no pareza, a estatística é a ciencia máis manipulable, pouco obxectiva e, polo tanto, nade crible. Os que traballamos nisto sabemos ben como se cociñan estes datos.

Existen outros tipos de parámetros que son máis de fiar. A seguridade subxectiva, que é a que realmente percibe o cidadá e a sociedade no seu conxunto, e a que viven a cotío os traballadores da seguridade pública.

Con estes observatorios, agora mesmo e dende unha perspectiva xeral, podemos dicir que Galicia é unha Comunidade cuns niveis de delincuencia moi por debaixo da media española.

Pero coidado que, no eido da seguridade, acércanse tempos moi difíciles. Eu mesmo dicía non fai moito, neste mesmo medio, que as medidas que tomou o Goberno para reducilo déficit habían caído fundamentalmente sobre o sector público. E non teña, estimado lector, a menor dúbida, de que o vai facer dun xeito importante sobre a seguridade dos cidadáns.

Pasamos dunha oferta de emprego público, por exemplo, para o Corpo Nacional de Policía, de 5.000 a 369 prazas. En consecuencia vanse a perder, cada ano, 2.000 policías. Todo o esforzo que se fixo nos derradeiros anos se vai votar pola borda.

Rebaixáronse, nunha media do 5%, os salarios dos funcionarios policiais. Estes atópanse moi desmotivados.

Recortouse, en máis de 5 millóns de euros, o orzamento deste ano dedicado a inversións, moitas delas destinadas á reposición de medios materiais. Xa se está notando a redución de folios, cartuchos de impresoras ou a reparación de ordenadores. Que ninguén dubide que chegará aos vehículos e ao combustible, o mesmo que ocorreu na década dos 90, co que ilo vai supor para un servizo áxil e de calidade.

Polo tanto, se cada vez vamos a ser menos policías, a contar con menos medios e se nos van a seguir quitando cartos das nosas nóminas, a ver quen se atreve a dicir que a seguridade dos cidadáns non se vai ver afectada.

A crise, debido en parte a que moitos dos parados que se produciron aínda cobran o subsidio de desemprego, non xerou a consecuente conflitividade social. O aumento da delincuencia é un feito constatado que aos dous anos, aproximadamente, de producirse unha crise económica, non se recorda unha desta magnitude, aumentan de xeito considerable dous fenómenos: a conflitividade social xerada por situacións de auténtica necesidade, que non atopan traballo e non teñen xa subsidio, e o aumento considerable dos delitos, fundamentalmente económicos (furtos, roubos, estafas, apropiacións indebidas, etc.)

O Presidente do Goberno enganounos ao anunciar que os recortes orzamentarios non afectarían aos piares do estado do benestar, a non ser que non considere a seguridade dos cidadán como un deses piares. Non so a sanidade e a educación contribúen a melloralo benestar dos cidadáns.

Se non se senten seguros faltaralles algo fundamental: unha seguridade pública de calidade.

 

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.