Vitimoloxía

Os máis de quince anos recollendo denuncias nunha Comisaría faime coñecedor de que unha porcentaxe bastante elevada de atestados policiais son iniciados por denuncia da vítima.

Por José Freire | Pontevedra | 25/07/2010

Comparte esta noticia

O trato axeitado que se lle da nas dependencias policiais ten que contribuír a que o descoñecemento do proceso penal, a ignorancia  dos dereitos que lle asisten, o medo e a falta de seguridade desaparezan e, con ilo, se mitiguen as cifras da criminalidade.

Dende a implantación dos estados de dereito, a posición penal da vítima foi perdendo protagonismo no eido da xustiza, converténdose nun elemento secundario dentro da engrenaxe. Máis compre non esquecerse que o seu papel, xurídica e policialmente falando, segue a ser fundamental.

Así cabe subliñar que, do total de casos delituosos coñecidos pola Policía, case que un  noventa por cento, o son pola denuncia directa da vítima. Asemade, a súa participación durante o xuízo resulta fundamental para obter unha condena do culpable.

Todo ilo fai que a actitude da vítima á hora de colaborar con ámbalas dúas institucións non so sexa de desconfianza, senón tamén de medo.

As persoas acoden á Policía ou á xustiza como o derradeiro recurso para buscar solución, aínda que o seu conflito non vai a solucionarse nestes marcos. En outras ocasións, a denuncia vese como un puro trámite burocrático, moi influído pola necesidade de recuperala documentación ou o cobro do seguro.

A falta de información da poboación, en xeral, sobre qué feitos son constitutivos de delito ou falta e cáles non e, en consecuencia, cándo deben acudir a unha comisaría ou a un xulgado, sobrecarga as posibilidades de atención das devanditas institucións, e ante a negativa a recollelo suceso, a persoa síntese defraudada.

Tamén a falta de claridade nos procedementos, métodos ou dereitos que lle asisten, xeran un progresivo desinterese do problema, e moito máis se temos en conta a cantidade de tempo que transcorre entre o suceso e o  xuízo.

Experimentan unhas expectativas moi negativas ao non recuperar nada. O delincuente pode ir á prisión, pero non devolve nada á vítima.

Durante a atención, ás vítimas buscan apoio nas institucións, pero ante a obrigada obxectividade destas, teñen a sensación de falta de axuda ou interese, o que xera descontento.

En moitas ocasións o medo a posibles represalias por parte do delincuente e a falta de seguridade ou confianza na protección da policía, fai que se incremente a sensación de medo e provoque o abandono da causa iniciada.

Por todo ilo xurdiu, aló polos anos cincuenta, unha rama da criminoloxía denominada vitimoloxía, co obxectivo de melloralos dereitos xurídicos da vítima, situándoa en relación de igualdade co delincuente.

Xa máis recentemente, a creación de asociacións ou centros de apoio ás vítimas, fixo xurdir distintos modelos e liñas de actuación, informando dos dereitos que lles asisten e cómo melloralos, proporcionar axuda ou atencións ( psicolóxica, social, xurídica, etc.), ou facilitalo contacto cos servizos que necesite (servizos sociais, policía, xustiza, sanidade..).

A pena é que algunhas destas asociacións politízanse de tal xeito que perden a súa esencia, e algún dirixente as utiliza para medrase ou lucro persoal.

O que resulta evidente é que a vítima dun delito, ao dirixirse á policía, non debe sufrir ningún dano psíquico adicional. Haberá que garantirlle a súa seguridade persoal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.