Onde está Sonia?

Iso é o que nos vimos preguntando, dende fai un mes, a familia, a policía e os veciños de Pontevedra, en que, sen deixar pista algunha, desapareceu.

Por José Freire | Pontevedra | 18/09/2010

Comparte esta noticia

Dende entón son moitos os interrogantes que nos facemos. Sobre todo a familia, que non comprende os motivos que conduciron a súa desaparición e, sobre todo, quen foi o autor ou autores de que tal cousa sucedera, xa que non poden entender isto como unha fuxida voluntaria.

Sucédense as mobilizacións dos veciños na túa procura e en tentar que a acción investigadora da policía non decaia. Fálase de acudir ás autoridades políticas, supoño que co ánimo de que presionen á policía para que non cese no seu traballo.

Podo asegurar que se hai alguén interesado en que Sonia apareza e en coñecer tódalas circunstancias da súa desaparición, loxicamente despois da súa familia, esa é a Policía. Os mellores policías, especialistas nestes asuntos, están traballando arreo, sen que se escatimen recursos para lograr dar ca pista que arroxe a luz para esclarecer tan grave suceso.

Claro que entendémola inquedanza da familia, dos compañeiros de traballo e dos veciños de Pontevedra. Pero non por máis presionar vai trocalo xeito de traballar da policía.

Nas súas investigacións a Policía non ten como elemento primordial as presas. A pesares do que se pode pensar, en moitas ocasións, o paso do tempo corre a favor da investigación. A experiencia nos di que, cando pasa o tempo e parece que non hai nada por onde tirar e a investigación atópase atrancada, de súpeto, xorde ou acontece algo que, por moi insignificante que sexa, abre o camiño para o esclarecemento dos feitos.

Non podemos esquecer que estamos a falar dunha investigación que parte de cero. E dicir, no momento do seu inicio non existe nin unha soa pista, indicio ou como queiramos chamarlle, de onde partir. Unha vez posto en marcha o protocolo de actuación sobre persoas desaparecidas consideradas de alto risco, cabe entón reunir toda a información posible sobre a súa persoa, o seu ambiente, a familia, o traballo, costumes, etc. A partir de aquí comezar a compoñelo crebacabezas, nunca mellor dito, que nos poda dar unha pista fiable.

Dicía o outro día o Subdelegado do Goberno en Pontevedra que tódalas hipóteses estaban abertas. Como descoñezo os termos en que está a investigación, supoño que así será. Nembargante, rexeito moitas das teorías que, ao longo  dos derradeiros días, se escoitaron en cafeterías, perruquerías, na rúa ou que publicaron algúns medios de comunicación, e que tanto dano lle están a producir á familia.

Neste tipo de investigacións as cousas non son tan complicadas como queremos facelas. Case que sempre ou é branco ou é negro. Espero e desexo que tamén nesta ocasión sexa así e aos meus compañeiros so lle quede determinar e probar porqué é dun cor ou doutro. O estado de dereito así o esixe.

Todo sexa por Sonia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.