Violencia no deporte

O derradeiro día 12, foron detidos 19 afeccionados serbios pola súa intervención nos disturbios que se produciron antes do comezo do partido de fútbol entre as seleccións de Italia e Serbia, en Xénova, valedoiro para a fase de clasificación da Eurocopa 2012.

Por José Freire | Pontevedra | 17/10/2010

Comparte esta noticia

Feitos tan lamentables como este, ou outros que de xeito moi frecuente se veñen sucedendo por campos de fútbol ou pavillóns, deberían inducir a unha reflexión sobre cáles son as razóns que xeran a cada vez máis crecente violencia no deporte.

Un, que cada quince días asiste a un campo de fútbol, é fiel testemuña da transformación que sofren algunhas persoas durante os noventa minutos que dura o espectáculo. Como persoas que, na súa vida cotiá, son totalmente acordes cos comportamentos cívicos, sacan a relucir os instintos más primitivos da condición humana, ou mellor dito, animal.

E precisamente non é o deporte o culpable destes comportamentos. Simplemente non o é porque deporte, do latín “deportare”, significa precisamente todo o contrario: divertirse ou recrearse. Na linguaxe coloquial, toda actividade física, máis ou menos intensa, realizada cun afán de xogo, competición ou recreo.

Os perigos que ameazan o xogo limpo no deporte, deveñen nas desviacións que sofre a práctica deportiva non nosos días. O deporte é unha zona de interese político ideolóxico e financeiro, en razón do soberbio impacto que produce nas masas.

No xogo limpo son responsables os deportistas, os directivos, medios de comunicación, os poderes públicos pero, sobre todo, os espectadores, afeccionados e seareiros.

Polo xeral, as reaccións dos seareiros poden ter a súa orixe nun chauvinismo local, racial, nacionalista, etc.. Isto pode conducir aos peores excesos e facer fracasar totalmente a posibilidade de que o deporte non sexa violento, provocando un clima de odio ou casos como o sucedido en Xénova.

Isto non quere dicir que o deporte non leve violencia e fervor de sentimentos que entrañan os cores do club ou o emblema nacional. Todo o contrario, iso é fermoso e digno de promoverse. Pero se a paixón se desborda tomando aspectos perigosos, como manifestacións hostís contra o adversario ou o árbitro, lanzamento de obxectos ao campo, ou rizando a violencia, da lugar a feitos que deben ser perseguidos e condenados.

É certo que á Policía correspóndelle a función de velar e controlar o ánimo da masa, xa que a súa presenza, por si mesma, leva a un control da conduta violenta, aínda que nalgunhas ocasións, por unha errónea intervención, pode suceder que produza efectos contrarios.

Pero estes comportamentos deben ser obxecto de atención da Administración nos seus diferentes matices. Así, o poder deportivo responsable da elaboración de leis e normas; o poder executivo obrigado ao seu cumprimento; e o xudicial procesando e condenando as condutas violentas.

E non esquezamos que a competición deportiva é, ante todo, un xogo, cousa da que desgraciadamente se esquecen moitos directivos que manteñen a actitude de gañar como sexa, condenando ao deporte a que se converta nun espectáculo onde as paixóns se cotizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.