Os nosos maiores

Un dos fenómenos que, na actualidade, ten máis repercusión nos eidos xurídicos e sociais é o da violencia doméstica. Violencia que xeralmente se proxecta sobre as capas sociais máis indefensas, máis vulnerables aos abusos e aos malos tratos.

Por José Freire | Pontevedra | 13/11/2010

Comparte esta noticia



Neste senso existen tres grupos de risco como elementos máis desprotexidos, e todos eles no entorno da familia: os cónxuxes e compañeiros/as sentimentais, os nenos e as persoas maiores.

Dos tres non cabe dúbida que o que ten unha maior repercusión, sobre todo nos medios de comunicación, e que esta a selo máis dramático, é o dos malos tratos ás mulleres. Tamén as agresións a menores ocupa un lugar destacado neste rankin.

Pero unha sociedade sa non debe esquecelos xa numerosos casos de violencia exercida sobre os nosos maiores, que desgraciadamente está adquirindo maiores graos de intensidade, e onde a cifra oculta, as actuacións impunes e a resistencia á denuncia, son maioritariamente aceptadas.

Non cabe dúbida de que o recoñecemento da realidade delituosa, neste eido, presenta moitas dificultades. A maioría de delitos e faltas teñen lugar en contornos específicos: núcleos familiares, residencias ou centros de acollida.

A abnegación e o esforzo cotiá dos profesionais destes centros é gratificante é apreciable, e o mesmo sucede na inmensa maioría dos núcleos familiares. Nembargante, e posiblemente porque nestes centros se acolle a un gran número dos nosos maiores, é neles onde poden producirse estes tipos delituosos.

En calquera caso, hai que ser conscientes de que os feitos pescudados ou denunciados, e polo tanto coñecidos, son só unha parte desa realidade e se presume que as cifras ocultas poden ser considerablemente maiores.

Ao meu entender existen tres factores para que o feito da victimización dos nosos maiores estea adquirindo uns niveis críticos e xa sexa un tema de preocupación en diversos países, sobre todo nos máis avanzados socialmente: o troco de actitude das novas xeracións fronte aos anciáns, o aumento da poboación de persoas maiores e a actitude destas, que as fai máis susceptibles da victimización.

Os dereitos das persoas maiores son todos e cada un dos dereitos humanos. Entre eles merecen unha especial tutela o dereito á saúde, á igualdade, á intimidade, a unha vida digna no económico, educativo ou cultural, o dereito a morrer dignamente e o dereito á súa seguridade persoal fronte aos malos tratos.

As respostas sociais, xurídicas, económicas e de todo tipo, teñen que selo suficientemente intensos como para afrontar con rotundidade este problema, que afecta a un colectivo moi vulnerable. O Dereito Penal, por si mesmo, non é nin será autosuficiente para resolvelo.

É absolutamente imprescindible un conxunto de medidas previas a calquera actuación punitiva, de carácter social ou administrativo, encamiñadas á súa prevención e a tutela e protección dos dereitos e liberdades das potenciais vítimas, os nosos maiores.

Alguén dixo que o grao de civilización dunha sociedade pódese medir por cómo esta trata aos seus maiores.

E non te esquezas que dos teus fillos só esperes o que co teu pai fixeres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.