25 de novembro

Coincidindo con esta data, celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Conferencias, seminarios, artigos de prensa, concentracións de asociacións, manifestacións públicas dos partidos e responsables políticos, etc., tiveron lugar ao longo de toda a xeografía galega e española.

Por José Freire | Pontevedra | 27/11/2010

Comparte esta noticia
Máis pasou o día e volvemos á crúa realidade, ás sesenta e catro mulleres mortas no que vai de ano. Algo está a fallar que non somos capaces a detectar e polo tanto a remediar. Existe unha lei integral, pero ¿en qué falla?. ¿Existen recursos sociais integrais?.
 
O certo é que, por moitas medidas de protección social e xurídica que se tomen, hai unha realidade ineludible: cada vez son máis os agresores que saltan calquera barreira, xurídica, social ou temporal para chegar ata a vítima.
 
Ao mellor, no afán de poñer unha maior énfase na situación de desamparo da muller maltratada, dedicáronse máis esforzos a protexela e case que ningún ao seu papel como parte activa da súa propia defensa, non como unha medida substitutiva as xa implantadas, senón como unha útil ferramenta que as beneficie a elas e ao seu entorno.
 
Neste senso, aparte do noso traballo profesional na loita contra os malos tratos, no Sindicato Unificado de Policía quixemos dar un paso máis e trasladarlle ás mulleres maltratadas o coñecemento de técnicas e tácticas para a súa defensa persoal que, nun momento determinado, lles puideran axudar a rexeitar unha agresión e gañalo tempo preciso para recibilo auxilio necesario. Non se trata de promover que unha muller se enfronte fisicamente co seu agresor cando teña outra opción. Preto de 100 mulleres maltratadas asistiron, ao longo deste ano, a cursos de autoprotección que o S.U.P. organizou, co patrocinio da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, por diversas cidades e vilas de Galicia.
 
A experiencia amosounos que, ademais do aprendizaxe destas técnicas, as vítimas asumiron que a súa seguridade depende en gran parte delas mesmas e que certas normas e costumes poden sinalar a diferenza ante un intento de agresión.
 
Que a súa confianza na sociedade se veu reforzada e que esta nas deixa soas, senón que as diversas administracións e os propios axentes encargados da súa protección, preocúpanse de formalas e instruílas, investindo tempo e esforzos.
 
Que aumentou a súa autoestima, dándolle a posibilidade de que tomen conciencia das súas propias posibilidades e dos seus límites. Deste xeito o pensamento positivo de que “ nin el é tan forte, nin eu tan débil “, promoverá unha actitude mental máis determinada ante unha situación de risco.
 
Resultou moi positivo o contacto con outras mulleres inmersas en circunstancias similares, nun ambiente distendido e novo para a maioría, creándose lazos de retroalimentación positiva sobre elas mesmas e o colectivo.
 
E sobre todo unha mensaxe final para a muller maltratada. Que non agache o que lle doe, que o denuncie, que nos doe a todos. Que non agarde a verse acurralada e, se non pode, que berre ata quedar sen voz, alguén a escoitará e que teña por seguro que a axudará.
 
Aínda que non sexa o 25 de novembro.   
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.