ZP rouba aos policías

Como ben poderá observar o lector, ao longo dos meus comentarios neste medio, endexamais me metín en fonduras de índole política partidista.

Por José Freire | Pontevedra | 04/01/2011

Comparte esta noticia

Non porque non teña criterio para facelo, senón pola prudencia que me ven imposta pola miña condición de representante dunha organización sindical que se declara independente dos partidos políticos.

Pero un non pode quedar impasible diante do feito de que, por primeira vez na historia da democracia, un Goberno decide recortalo salario dos funcionarios, en xeral, e dos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade en particular, cousa que se comezou no mes de xuño e que rematou na nómina de decembro, cunha boa fenda na paga extraordinaria. O Goberno que “preside” Zapatero pasará a historia, entre outras razóns, por selo primeiro en roubarlle aos policías.

Se a isto lle engadimos os recortes en medios materiais e a drástica redución de oferta de emprego para o Corpo Nacional de Policía, ninguén pretenderá  que os funcionarios policiais sigan actuando cos mesmos niveis de iniciativa ou que os índices de delincuencia baixen. De feito xa iniciou unha espiral ascendente que, de continualas cousas polo mesmo camiño, non sabemos que cotas poderán acadarse.

E todo iso a pesar de que o Presidente do Goberno manifestara que os piares do estado do benestar non se ían a tocar. Unha vez máis amosou a súa imprevisión, improvisación e incapacidade. Considero un fracaso político os  continuos trocos de posición, as mensaxes falsas e demagóxicas que ven mantendo Zapatero, rematando cunhas medidas que supoñen un ataque aos nosos dereitos.

Un Presidente que, polas novas que publican os xornais ou por filtracións, non ten pensado dimitir nin adiantalas eleccións. Ten asumido que nas vindeiras eleccións municipais e autonómicas o fracaso electoral do seu partido será estrepitoso ( perderá Sevilla, Barcelona, Castilla-La Mancha) e despois perderá Andalucía. E se resiste ata o 2012, o resultado electoral do PSOE será o peor da etapa democrática.

E namentres, as súas políticas están a facer estragos entre as clases máis humildes. Catro millóns de parados, supresión dos 400 € aos parados, recorte salarial aos traballadores públicos, subidas da electricidade, gas, transportes, peaxes, etc. Enriba ven o Ministro de Industria para poñelo exemplo ridículo do prezo do café e querer facernos comulgar con rodas de muíño.

Cando isto está a pasar resulta moralmente indecente o comprobar como, o ex-presidente do Goberno Felipe González, acepta o cargo de asesor de Gas Natural, remunerado con 126.500 €, asistencia a consellos, dietas e gastos de viaxe aparte, ao tempo que mantén a súa pensión de 80.000 € anuais brutos; ou como Mª Teresa Fernández de la Vega percibe un salario de 150.000 € anuais; ou como quen deixa unha secretaria de Estado e percibe unha indemnización de varios miles de euros durante dous anos, ao tempo que cobran por un posto no partido e á vez son senadores.

Esta e outras tantas medidas ou decisións que adopta a clase política é un claro desprezo á cidadanía. Póñense salarios de banqueiros pero sen ter en conta o salario medio dos cidadáns. Se autoconceden unha pensión aos poucos anos de ser políticos, con menos anos de cotizacións e máis elevada que a de calquera cidadá. Crean no novo Código Penal a responsabilidade das empresas e empresarios privados, pero non a dos políticos.

Que fácil o tivo ZP se, cando lle obrigaron dende Europa a tomar unha serie de medidas que ían contra a súa política social e a do seu propio partido, houbera feito mutis por el foro. Posiblemente fose recordado positivamente. Deste xeito o será polo gobernante que tivo máis folgas xerais no menor espazo de tempo. Porque, a boa fe, que está pedindo a berros unha nova folga xeral.

Na actual situación da gañas de parar o mundo e baixarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.