Sobre o Eo-Navia, parte II

Nesa mesopotamia que conforman as terras do Eo-Navia logrou sobrevivir unha cultura, unhas maneiras de pensar, sentir e obrar moi específicas.

Por Farruco Graña | Tapia de Casariego | 02/02/2011

Comparte esta noticia

 Ademais, sometidas sempre á presión de que, sendo de Asturias, non eran asumidas como asturianas. “¡Mira el gallego!”. Apoucados pola súa maneira de falar, polos seus costumes, eran insultados co cualificativo de “gallego”. Esa situación paradoxal e diglósica víase reflectida en moitos traballos de campo realizados na zona. A pouca valoración do propio, mesmo o desprezo, é a consecuencia máis evidente. Se a maiores engadimos que entre o elemento dominante e o referente (negativo) identitario había unha considerábel diferenza socio-económica, é comprensíbel que se acabara rexeitando dita identificación e renegando incluso do propio en canto se parecera algo ao outro, deostado. A lectura do estudo elaborado por Xerardo PEREIRO PÉREZ, “Entre Galicia e Asturias. Antropoloxía da identidade e da alteridade” (Edicións Lea S.L. Santiago, 1998) é moi ilustrativa ao respecto. Pero o tempo non pasou en balde.

 
Tal e como o noso rural e vilas galegas están a experimentar  unha transformación profunda, tamén no Eo-Navia o vento do desenvolvemento económico espeliu unha realidade que ata hai entre 30 e 50 anos estivera ben tranquila nos planos socio-económico e cultural. Ignorar o impacto dos medios de comunicación de masas, da nova infraestrutura viaria, do desprazamento masivo da poboación oriúnda cara ao centro (de Asturias, ou Madrid ou calquera outra cidade) é iluso. Seguir a mirar cara a esta terra cos esquemas do século XIX e primeira metade do XX non é atinado para comprendermos esta realidade e a nosa relación con ela. Máximo cando esas actitudes son aproveitadas na nosa contra. É que acaso pedir o desenvolvemento industrial do noso país vai contra a nosa terra porque Risco amaba unha Galiza rural?
 
A ambigüidade na identificación dos eo-naviegos constatada por antropólogos que estudaron a zona foi ben explicada polos mesmos. Pretender fundamentar nela a ilusión de que esas terras poidan reverter no seu día a Galiza é, cando menos, extemporáneo. Ademais, pensar que hoxe se dá ese mesmo sentimento ambiguo é erróneo. Quizás sexan os asturianos que máis asturianos se senten, é certo tamén que por sobreidentificación por sentírense distintos ao falaren unha lingua diferente. Precisamente ese é o problema de fondo: no acabaren de comprender que se pode sentir un asturiano e recoñecer que fala galego. “Son asturiana, e falo galego”, escoiteille dicir a varias escritoras e escritores eo-naviegos. Quen ben soa esa melodía!
 
Por que razón un mozo de Santiso de Abres ou unha moza das Figueiras teñen que demostrar dobremente a súa condición de asturianos? Por que razón o mirar cara á Mariña luguesa pode ser visto por algúns como unha traizón? Puidémolo comprobar, entre outras moitas ocasións, cando a construción do ramal de FEVE para a factoría de ENCE en Navia. Supúñase que a partir de entón toda a carga de ENCE tiña que ir para o Musel (en Xixón). Todos a unha con Asturias! Que se van crer eses galegos! Ben: eses galegos e aqueles asturianos do outro lado da ría de Ribadeo que transportaban nos seus camións a pasta de papel desde ENCE-Navia ata o porto de Mirasol, en Ribadeo.
 
As relacións socio-económicas e culturais das terras do Eo-Navia coa Mariña luguesa, nomeadamente Ribadeo, foron unha constante ao longo dos séculos. Ao redescubrir o capital asturiano o “Occidente”, puxo en marcha unha feroz campaña de marcaxe do territorio que resultou lesiva para Galiza. Probes miña xoias estes centralistas (tanto no PP como no PSdeG) cando aproveitaban para atacar ao BNG ridiculizándoo por, segundo eles, e seguíndolle o xogo a certos intereses asturianos, quereren recuperar a “Galiza irredenta”. Ao riren da preocupación nacionalista polo galego estremeiro (do cal ata se acordou o avó de Rajoy, véxase Estatuto do 36) no fondo estaban a dar couces neles mesmos. Ata o señor Feijoo pasou por expansionista cando a TVG falou de estudar a posibilidade de que a TDT da galega chegara tamén ás zonas galego-falantes estremeiras.
 
Pero tamén resultou lesiva para as xentes do Eo-Navia. Esta terra ten unha riqueza moi sutil: sempre estivo mirando cara aos dous lados, o leste e o oeste. A súa versatilidade dálle unha grande potencialidade. Os seus sinais de identidade, nomeadamente a lingua, danlle unha perspectiva ampla para o seu desenvolvemento económico. Que na Veiga decidan contactar con gandeiros portugueses para explorar as posibilidades de negocio co veciño Portugal é un claro exemplo. Mais son eles quen teñen que acabar comprendéndoo. Desde a Galiza poderemos tender mil e unha pontes de diálogo para superarmos entre todos vellos tópicos e insidias intelixentemente xeradas por aqueles que só cren nunha Asturias cunha única lingua (de seguirmos así será o castelán) e por aqueles con intereses comerciais ben clariños. Pero son as persoas do Eo-Navia as que teñen que chegar á conclusión da necesidade de seren protagonistas do seu futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA