Máis diñeiro para a banca

De tanta información que estamos a recibir sobre a crise, case é como quen oe chover. Abraiados por tantos datos, por estatísticas tan crueis ás que ademais lles vemos o rostro día a día tanto nos medios de comunicación como no noso contorno máis inmediato, cando non mesmo no espello do baño ao nos erguer, tendemos a nos pechar e non querer ver a realidade; convertémonos en branco doado de xeneralizacións que a base de escoitármolas unha e outra vez acaban por se converter en verdades case sagradas.

Por Farruco Graña | Ourense | 27/02/2013

Comparte esta noticia
Pero a pouco que nos queiramos fixar poderémonos decatar de que a realidade é ben outra. Nin sequera os altofalantes das grandes empresas multinacionais son quen de ocultar a sospeita de que algo ule mal; a xente osma que á fin todo vai parar ao mesmo saco: catro ou cinco grandes grupos empresariais (banca, industrias enerxéticas, de comunicacións…) aos que nos están facendo render vasalaxe a través das continuas subas nos prezos coa escusa de non sei que homologacións e cuestións pendentes (que curioso, xusto de cando eles gobernaban). Botar unha ollada aos recibos da luz ou da auga, ao prezo dos combustíbeis, ás interminábeis comisións bancarias… convértese nun pesadelo recorrente. Iso, por non falarmos de cobros abusivos que despois tardas en recuperar catro, cinco ou seis meses. E mentres tanto, eles negocian cos teus cartos e nin perdón che piden cando chos devolven.
 
Debemos desenmascarar a cantilena de que temos vivido por riba das nosas posibilidades. Non somos nós os que practicamos modalidades exóticas de esquí, nin nos acollemos a finiquitos simulados ou contratos que son pero non foron ou foron pero non son.Temos que nos rebelar fronte a tanta xeneralización; con sainetes coma o de “son todos iguais” tan só logramos a desmobilización e afiar coitelos suicidas que nos debilitan. Ben puidemos ter aprendido a lección nas últimas consultas electorais: divide e vencerás; desanima para compensar o teu desgaste.
E todo coa fin de seguir co desmantelamento do cativo estado do benestar do que nos fomos dotando ao longo destes anos. Menos público, máis privado. Que digo “menos público”? Nada de público (agás o salvavidas para cando o trompazo) e todo privado, para repartir os beneficios. Un exemplo máis nesta historia de constante privatización?
 
Os Concellos non poden convocar prazas para atender determinados servizos, tan só contratar de xeito provisional por un período curto de tempo. Pero si poden contratar a prestación deses servizos con empresas privadas. E mesmo pediren diñeiro para pagaren a prestación de ditos servizos por parte de empresas privadas. E aqueles concellos que polo seu bo facer foran quen de ter remanente positivo nas súas contas non poderán reinvestilo en beneficio dos seus veciños e veciñas con inversión produtiva ou para atender demandas sociais de primeira necesidade que repercutan no benestar social e económico da comunidade. Non, señores: só se poderá dedicar a pagar a débeda aos bancos, aínda que non teñan ningún prazo pendente e leven as contas ao día; aínda que os seus provedores nada lle poidan reprochar por cumpriren os prazos establecidos para aboar as facturas; non importa. Hai que encher o peto dos bancos como sexa: hai que recapitalizar á banca aínda que sexa a costa de descapitalizar aos concellos, ou a quen for. E se despois os concellos teñen que volver pedir créditos para investimentos, pois non haberá problema; tan só os terán que pedir a uns xuros ben máis altos que os que agora poidan estar pagando. Máis negocio para a banca. Os Botín e cia. son coma unha besta insaciábel que todo o queren fagocitar. Se isto non é ideoloxía?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".