O golpe e a policía

O pasado mércores cumpríronse 30 anos do asalto ao Congreso dos Deputados por parte dun grupo de gardas civís ao mando do Tte Coronel Tejero.

Por José Freire | Pontevedra | 26/02/2011

Comparte esta noticia



Foron moitas as portadas dos xornais, os faladoiros radiofónicos ou os telexornais que, durante ese día, se fixeron eco da efeméride daquel intento de golpe de estado.

Políticos, xornalistas e moitos cidadáns, recordaron onde se atopaban naquel día, que estaban facendo, se tiveron medo a regresar a épocas pasadas ou, pola contra, pensaron que aquilo non ía a ningures e que simplemente era unha aventura duns poucos militares.

Algúns dos que opinaron, entre os que me atopo, aproveitaron a ocasión para requirir que sería bo, para o propio sistema democrático, que saíran a luz esas lagoas escuras que, sobre o sucedido aquel día, aínda non se coñecen. Non para pasar factura, senón precisamente para que feitos como aquel non se volvan a repetir.

Non cabe dúbida que, o feito de que ese intento golpista non prosperase, foi como unha vacina que fixo que, outras aventuras semellantes, se puidesen atallar incluso antes de que se iniciasen. Por iso considero que é bo para a saúde democrática, que ese intento de involución se lembre, de vez en cando, xa que na actualidade existen certos brotes fascistoides nalgunhas capas da sociedade que veñen sendo espalladas por algúns medios de comunicación.

Ao cabo destes anos moito se ten falado do comportamento dos diversos actores daquel feito, que xa é histórico. O papel desenrolado polo Xefe do Estado, por Alfonso Armada, polo xeneral Gutierrez Mellado, polos militares, por Tejero cos seus gardas civís, polos deputados encerrados no Congreso, etc.

Pero case que ninguén lembra nin resalta o papel desenrolado, pola entón denominada Policía Nacional, durante o intento golpista. Tanto o Corpo Superior de Policía como a Policía Nacional, esta por entón baixo réxime militar, apoiaron ao Goberno legalmente constituído e estiveron baixo as súas ordes. Existen gravacións de comunicados internos da Policía, que se atopaba despregada ao redor do Congreso, nas que queda claro de que lado estaba cada quen.

Ademais, era incongruente que se adherisen ao golpe aqueles que, aló polo 17 de decembro de 1976, tan so un ano despois da desaparición do Ditador, levaron a cabo a primeira manifestación de membros da entón Policía Armada, na que tamén participaron algúns gardas civís, curiosamente na Praza de Oriente, reivindicando un salario digno e a súa inclusión na seguridade social, iniciándose así un movemento encamiñado a conseguir unha serie de dereitos, que sistematicamente se lle negaban e, sobre todo, soltar o lastre da súa condición militar, a prol dunha verdadeira policial civil, ao servizo do cidadá e non dos intereses duns poucos.

Nin as continuas mortes de policías a mans dos terroristas de ETA, minguaron as súas convicións democráticas a pesares da dor que nos ocasionaba a perda dos nosos compañeiros.

Co paso do tempo e cos borróns propios dun colectivo tan numeroso, a Policía española dou mostras mais que sobradas de saber adaptarse a un estado democrático e de dereito, cumprindo coa súa misión constitucional de velar pola seguridade e a liberdade dos cidadás.

Por todo iso, e xo dixen nalgunha ocasión neste mesmo medio, a democracia española ten unha débeda coa súa policía. A ver cal é o goberno que ten a sensibilidade de plasmar na práctica ese recoñecemento que, moi a miúdo, se lle escoitan a algúns responsables políticos.

Sería de agradecer xa que os beneficiarios serían os propios cidadás.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.