Móvese algo en Asturias

O momento político que vive Asturias é moi interesante. Estabamos acostumados ao dominio socialista, cunha pequena cuña introducida por IU (indispensábel agora para garantir o goberno) e un acomodado PP que, baixo o paraugas do gabinismo, secuestra as súas posibilidades de futuro a maior gloria de Gabino de Lorenzo (alcaldísimo de Uviéu).

Por Farruco Graña | Tapia de Casariego, Asturias | 03/03/2011

Comparte esta noticia

O PSOE gobernou a autonomía asturiana desde 1983. A sensación de esgotamento político e falta de ideas agromou a mediados dos 90 e rematou cristalizando no goberno de Sergio Marqués (inicialmente PP). Pero a dereita asturiana non soubo aproveitar a oportunidade que lle brindara o pobo asturiano. É máis, rematou a lexislatura cunha escisión que levaría ao presidente do aquel entón goberno conservador asturiano a fundar a URAS. Mais o intento de consolidar un partido rexionalista asturiano acabou esmorecendo.

Non sen vencer moitas reticencias do SOMA, en 1999 Vicente Álvarez Areces logra recuperar o poder para o socialismo asturiano. Outra vez comezou un ciclo que pasou pola maioría absoluta, o goberno en minoría e a coalición con IU. Actualmente, cunha situación case agónica, a parálise institucional é considerábel. Apenas hai iniciativa. Tan só a leve esperanza dun novo candidato socialista, Javier Fernández, este si avalado polo SOMA, parecía dar algúns folgos ao PSOE asturiano. Pero todo apuntaba a que unha vez máis, e tras moitos anos, chegaba o momento do PP.

Porén, polo que se ve, Francisco Álvarez Cascos e Gabino de Lorenzo, son moito galo xunto para compartiren o mesmo curral. Non pretendemos dar nin quitar razóns a un nin a outro. Paco Cascos sempre se gababa de ser o general secretario. O referido Sergio Marqués foi unha vítima política súa. Agora tócalle a Cascos tomar o aceite de ricino. Atragoarase?

Álvarez Cascos aceptou o reto de capitanear unha proposta alternativa aos partidos políticos consolidados en Asturias: Foro Asturias. Parte de cero no ideolóxico? Ten algunha tradición á que acollerse? Cómpre remontarse ao movemento ilustrado. Non podemos falar de postulados nacionalistas no século das Luces, pero si dun agromar de certo sentimento asturianista. Xovellanos ten o firme propósito de crear a “Academia de les Buenes Lletres Asturianes”. A “Colección de poesías en dialecto asturiano” (1830) de Xosé Caveda y Nava é un claro exemplo de aposta polo estudio da cultura tradicional asturiana. Tamén se defenderán as institucións políticas rexionais e demandarase autonomía e proteccionismo económico.

Pero Asturias viu morrer o programa romántico nacente en Xuan María Acebal. Dito programa estaba moi vinculado a sectores conservadores da sociedade asturiana, ao carlismo, que en Asturias vaise ver totalmente desprazado por unha industrialización cada vez máis puxante. O capital foráneo investido na economía asturiana asentarase sobre unha ideoloxía liberal. E o proletariado que vai xurdindo á sombra desta dinámica económica abrazarase ás ideas socialistas, coas que dará resposta ao gran capital e a súa dinámica industrial.

Aínda que mantendo un discurso internacionalista, o proletariado vai comportarse, en certo xeito, como unha nación nas diversas folgas mineiras dos anos 20 e 30, así como durante a Revolución do 34 e a mesma Guerra Civil. Dela, Asturias vai saír dobremente derrotada: o proletariado, vencido; e a burguesía, suplantada; non lle merecía a suficiente confianza ao réxime franquista fronte a unha clase obreira sometida, pero cun discurso vigoroso. Por suposto, tratarase de novo dunha dereita allea aos costumes do país. Unha vez rematado o franquismo houbo que retomar o asturianismo político.
Non chegará a ter representación parlamentaria ata que Xuan Xosé Sánchez Vicente (PAS) acadara representación na Xunta Xeneral del Principau (ano 1991 ata 1999), e tamén coa xa mencionada creación da URAS (deputados no 1999 ata o 2003)

Hai tradición histórica, por modesta que sexa, da que tirar para emprender un novo proxecto de corte asturianista e reenganchar cun sentimento ben establecido na comunidade veciña. Queda por ver que o consiga e que esa aposta cristalice nun proxecto asturianista (ben sexa polo éxito maior ou menor que poida acadar, ben pola orientación que lle dean ao mesmo independentemente do éxito que acade). Polo que se refire ás posibilidades do mesmo todo indica que o mapa político asturiano non vai ser o mesmo a partir do 22 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA