Alarma ou preocupación

Unha simple mirada aos principais medios de comunicación da nosa comunidade autónoma, nas derradeiras datas, basta para adiviñar a percepción que comeza a invadir aos cidadás galegos dun incipiente e crecente aumento da inseguridade.

Por José Freire | Pontevedra | 21/03/2011

Comparte esta noticia



E iso vese agravado pola falta de transparencia á hora de trasladar á opinión pública a verdadeira realidade, mediante a publicación dos datos reais da delincuencia. As organizacións sindicais da Policía están cansas de pedir que se lle de traslado da estatística de delitos, faltas, etc., o que nos leva a pensar que as cousas non van tan ben como nos queren facer crer.

Non hai máis que abrila páxina dun xornal para ver que, dun tempo a esta parte, son cada vez máis os casos de roubos en domicilios, atracos a bancos ou gasolineiras que, sen chegar a unhas cifras alarmantes, deben comezar a preocuparnos, e non ampararnos en que seguemos sendo unha comunidade das máis seguras do estado que, aínda que certo, non debe servir de escusa para adoptar unha serie de medidas encamiñadas a mellorala eficacia contra a criminalidade.

De principio, se queremos mellorala seguridade cidadá é preciso establecer un orzamento axeitado, garantir unha dotación de persoal que lle poda dar un mellor servizo ao cidadá e dignificala profesión de policía. Certamente iso non é o que está a facer o Goberno.

A todo isto axuda que teñamos un modelo policial inoperante e que resulte absolutamente necesario o seu troco. Por iso é preciso simplificar, racionalizar e revitalizar un modelo que ten demasiados corpos de seguridade, mal coordinados e cunha anarquía frecuente en canto ás súas funcións.

Tanto o Corpo Nacional de Policía como a Garda Civil deben concentrar parte importante dos seus medios e enerxías á investigación de todo tipo de delitos, especialmente os violentos: homicidios, lesións, roubos con violencia ou intimidación e agresións sexuais.

Deben transformarse as actuais funcións do Xuíz, Fiscal e Policía conforme á realidade social que existe en España no seu entorno social. Aínda nos regulamos por unha lei procedimental penal redactada e aprobada no século XIX, con algunhas modificacións posteriores, cando o delito, o delincuente, o xuíz, a investigación ou a proba, eran outros que no se corresponden coas esixencias sociais e xurídicas actuais, se ben teño as miñas dúbidas que, por moitas reformas lexislativas que se fagan, se non hai un troco radical na Administración de Xustiza española, estas non valerán de nada.

Hai que potencialas actuacións administrativas contra o asentamento en España da delincuencia estranxeira. Temos que ser conscientes que o noso país non se pode converter no destino da delincuencia internacional ou, o que sería case que peor, no espazo xeográfico de prolongación do seu medio natural ou orixinariamente delituoso.

Débese actuar contra a drogadicción e os seus efectos delituosos, polo que temos que ir ao tratamento social efectivo do toxicómano delincuente. Aínda que xa sexa un tópico é preciso repetir que a maioría dos cartos que se utiliza para comprar droga provén de atracos, roubos, furtos, etc.

O troco vertixinoso da sociedade esixe unha capacidade de adaptación dos corpos policiais. Por iso é necesario prestarlle atención aos novos delitos ou outros que non tiveron, posiblemente por razóns culturais ou sociais, a atención que merecían e merecen na actualidade. Estou a pensar nos delitos económicos, tecnolóxicos, a escravitude para a prostitución ou o terrorismo doméstico.

En definitiva, máis seguridade e liberdade só é posible con reformas é unha importante inversión nos corpos de seguridade do estado. Pero tamén combatendo a pobreza, a exclusión social, a dependencia das drogas e a desigualdade, con políticas de cohesión social que reduzan a marxinación e palíen as inxustizas sociais, que son a fonte do conflito e o caldo de cultivo onde se xera a inmensa maioría dos delitos.

 Alarmados non. Preocupados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.