Mina O Pino-Touro: medias verdades e atrancos a institucións públicas

A Plataforma de Veciños Mina O Pino-Touro Non denuncia a desidia das autoridades autonómicas no control das instalacións da antiga mina de cobre situada en Touro. Acusan de falta de control medioambiental e tamén de querer poñer atrancos ás peticións de institucións como a Valedora do Pobo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/06/2018 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

O pasado venres día 15 de xuño, o director xeral de Minería e Industria, Bernardo Tahoces declaraba que a Xunta a respecto das explotacións mineiras que se pretenden reabrir en Touro, cumpre co seu compromiso de control sobre a administración do proxecto, ademais de vixilar os parámetros medioambientais requeridos. A Plataforma de Veciños Mina O Pino-Touro NON, rexeita nun comunicado a versión do director xeral. Na nota enviada pola Plataforma responden que “No que vai de ano os únicos expedientes sancionadores abertos á concesionaria ou ás empresas sitas nos terreos da antiga mina dos que se ten coñecemento foron iniciados polas denuncias de particulares e de asociacións medioambientais”.

Augas en Lañas, perto da mina de Touro
Augas en Lañas, perto da mina de Touro

Non obstante, a mesma Plataforma denuncia o silenciamento arredor das diferentes actuacións arredor da mina, pois “toda a información que se coñece, fíxose pública grazas ao traballo da Valedora do Pobo, que tivo que insistir -en repetidas ocacións- para recibir a información solicitada”. Porque logo de presentar diante da oficina da Valedora do Pobo as correspondentes queixas sobre a falta de control ambiental arredor das vellas instalacións da mina de Touro, non foi ata o pasado 14 de xuño que a institución puido responder. E todo, como se indica no escrito da Plataforma, despois da insistencia do organismo público.

DENUNCIAS E INFORMES

Os feitos relatados no informe da Valedora son catro, un número escaso para a Plataforma de Veciños. “Trátase do desbordamento da balsa de Bama, a aplicación de tecnosolos sen o preceptivo informe favorable previo por parte da xefatura territorial, o vertido non autorizado de augas residuais ao río Brandelos causado polos labores de sondaxes mineiras levadas a cabo en pistas públicas - para os que tampouco contaban coa licencia municipal- e o uso de solos reciclados para a actividade da planta de valorización de residuos sen previo informe favorable”.

Sobre as sondaxes en vías públicas sen permiso, os grupos da o posición de O Pino presentaran unha petición para ver se as autoridades municipais concederan as correspondentes autorizacións. A resposta foi negativa, tal e como confirmaran no seu día a Galicia Confidencial.  A cuestión é que debullando o documento saído das oficinas que dirixe Milagros Otero Parga, actual Valedora do Pobo, unha vez que as autoridades autonómicas enviaron a documentación requerida a cuestión queda así.

Manifestación contra a mina de Touro
Manifestación contra a mina de Touro

Sobre a balsa de Bama, depósito de augas residuais das que sairían lixiviados, restos de elementos químicos procedentes da actividade extractiva, a resposta remitida á Plataforma di “non existe ningunha sinalización da balsa mineira, nin da súa existencia, nin da súa profundidade, composición ou risco, nin medidas de seguridade que impida acceso a ela” e que “a súa única xustificación – a da empresa propietaria dos terreos- era que se trataba do sistema máis económico, non o máis eficaz nin eficiente”. Por outra  banda, nas mesmas páxinas dise que “Augas de Galicia constata a existencia dun vertido “constante e continuo””. Porque no que toca á auga que reborda a balsa de Bama cando chove en exceso, as solicitudes de inspección de calidade das augas e da afluencia das mesmas desde a balsa cara os regatos que logo van aos afluentes do Ulla e por consecuencia, ao mesmo río, o documento da Valedora pide informes e estudos a Augas de Galicia.

Os informes, resumindo, apuntan que “dos resultados obtidos nestas determinacións destacan os valores de condutividade na balsa e no efluente desta, que resultan dúas ordes de magnitude  superiores ao resto de puntos, e o valor de pH no efluente da balsa (4.8)”. Todo isto levou a que se instara a Explotaciones Gallegas, actual titular dos terreos, que puxese solución a este punto. Tres días despois o problema da balsa non se solucionou.  “Segue a presentar vertido por rebouse cara o ríoBrandelos”.  Pasado un mes as condicións son as mesmas, non variou nada, segundo comunicou a Plataforma de Veciños, mesmo cando “os técnicos da gardería fluvial adscrita á Demarcación Galicia Centro de Augas de Galicia constatan a existencia dun vertido:“constante e continuo de augas residuais misturadas con augas pluviais””. Augas de Galicia procedeu á incoación en data 08/03/2018 dun expediente sancionador que se atopa en fase de instrución.

Augas de Galicia aportou tamén unha serie de analíticas que chegaro á Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), segundo o documento enviado pola Plataforma contraria á mina.  “As analíticas que Augas de Galicia aportaba recentemente á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) confirmaron a contaminación en tódolos ríos da contorna da mina de Touro nos últimos dez anos por metais pesados e alta acidez, polo que se fai patente que as actividades levadas a cabo nos terreos da mina non estaban nin están sendo axeitadamente inspeccionadas”. E engaden “ao contrario do que sostén o Director Xeral de Enerxía e Minas e tal e como demostran os resultados ofrecidos pola entidade, os niveis de PH non son normais desde 2013”.

A todo isto súmanselle os diferentes informes técnicos sectoriais abertos por diferentes departamentos. Así “o informe de Medio Ambiente, dos máis contundentes, fala tamén de “inconcrecións“, “incongruencias”, e de “cuestións non tratadas que precisan dunha argumentación con base científicotécnica sólida e contrastada” respecto da impermeabilización dos residuos perigosos. Son os datos que utiliza a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON para opoñerse ao proxecto, pese as acusacións, precisamente e paradoxalmente de Cobre San Rafael de facelo con “argumentos sen base técnica””.

Finalmente, e de maneira máis recente, a A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS), expresou a súa preocupación diante do que consideran unha probable afección ao Camiño Francés de Santiago.  A FICS mostrou unha “fonda preocupaciòn” pois “en pleno Ano Europeo do Patrimonio Cultural e en vésperas do Ano Santo 2021 resulta alarmante a probable e directa afección do Camiño Francés, Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio Mundial”.

As diferentes conclusións aportadas pola Plataforma de Veciños Mina O Pino-Touro NON, resumiríanse nunha falta de concreción no que toca á seguridade ambiental respecto das actuais instalacións. Por outra banda, tamén Galicia Confidencial publicara no seu momento que as análises relativas aos postos de traballo que podería crear a explotación mineira, non serían os esperados ou declarados por Cobre San Rafael e Explotaciones Gallegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta