Causas da delincuencia

Dentro duns días, os responsables políticos do Ministerio do Interior e o Ministerio Fiscal, darán a coñecer as cifras sobre a delincuencia do ano 2010.

Por José Freire | Pontevedra | 06/04/2011

Comparte esta noticia

Os primeiros dirán que no eido da seguridade todo vai mellor que nunca e o segundo que non tanto. E se lle preguntas á cidadanía dirache que, dun tempo a esta parte, comezan a sentir uns niveis de seguridade preocupantes, tal vez dentro do que, no vocabulario policial vense en denominar “vitimización” ou, o que é o mesmo, o proceso de converterse en vítima e a probabilidade de selo, o que sen dúbida ten a súa orixe no aumento das novas das que se fan eco os medios de comunicación.

Nembargante, case que ninguén se preocupa de cáles son as causas que orixinan a conduta do delincuente.

A experiencia e a opinión pública distinguen dous tipos de causas. Unhas de orden coxuntural, como poden ser a droga, o mal funcionamento da xustiza ou a perda de valores tradicionais. E un segundo tipo de orixe estrutural da nosa propia cultura, como a pobreza, a desigualdade ou as inxustizas sociais.

Certamente, son moitos os que pensan que a causa que se destaca extraordinariamente sobre as demais é o consumo de drogas. Esta opinión coincide fielmente cos feitos se a relacionamos coa causa que condenou ao maior bloque de presos nas cadeas españolas.

Aínda que a distancia desta primeira causa, identifícase a pobreza como outra razón da delincuencia. Certamente a pobreza estivo na vida social española en moitas etapas da nosa historia, pero hoxe xorde con máis crueza, debido á situación de crise pola que estamos atravesando. España viña sendo, segundo as Nacións Unidas, un dos países onde a distancia entre ricos e pobres era menor. Hoxe hai razóns para pensar que esa distancia estase incrementando e cítanse como causas a dinámica internacional da economía, que se expresa no neoliberalismo, nas condicións de contratación do mercado laboral e nas cotas de paro acadadas. Non estamos só ante unha sociedade pobre, senón ante unha sociedade que se empobrece.

Asemade, e nun lugar destacado, atopamos o mal funcionamento da xustiza. A cotío escoitamos alusións á pouca dureza das penas que se impoñen aos delincuentes como unha das causas da criminalidade. A opinión pública non ten presente a función principal da pena dende o punto de vista xurídico e constitucional. Pero posiblemente o que a opinión pública queira expresar é que non existe, na conciencia cidadá, ningunha outra razón para non delinquir que o medo á pena.

Tamén se citan como outra das fontes da delincuencia as carencias afectivas que existen en moitos fogares, introducíndose un novo factor que non nace da carencia económica, senón da ausencia ou precariedade dos procesos socializadores que dotan ao suxeito dos freos morais que impiden a conduta libertina.

Polo tanto cabe falar que, factores como as drogas, o paro, a falla de rigor legal e a ausencia de principios morais, son as causas para explicalas orixes da delincuencia de hoxe.

Para paliar a delincuencia habería que expor se eliminamos as manifestacións do delito ou loitamos contra as causas profundas. Ou  cubrimos ámbolas dúas frontes.

E namentres, a cadrar a estatística. É máis rendible politicamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.