Municipalistas como Feijóo

Ás veces fanse pesados, pero elixir ben os -istas e os -ismos é moi relevante.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 22/04/2011

Comparte esta noticia

Dende George Lakoff en 'Non penses nun Elefante' -2.0 Editora- a Manuel Rivas en 'Episodios Galegos' – Edicións Xerais- (no artigo 'Neolingua en Neogalicia', publicado orixinariamente en El País) moito se ten escrito sobre a evidente aposta pola corrupción das palabras que, con bastante éxito, define a acción comunicativa da dereita dos nosos días.

Non debería ser necesario abondar nos exemplos, hainos a moreas. Chega con pensar nesas manifestacións que esixen en Madrid que centos de miles de vascos non poidan exercer o seu dereito a voto pero nas que se berra “liberdade”. Ou reparar nese presidente da Xunta que lidera o partido que dende San Caetano inventou o 'dereito' ao coche oficial de calquera cargo e os 'chiringuitos' institucionais pero que agora se proclama adaíl da “austeridade”. A dereita sabe cociñar términos. E darlles volta tras volta ata que queden ao seu gusto. Á esquerda, nese terreo, quédalle algo máis por andar. Porque ten como costume caer en moitas trampas, posiblemente por culpa de certo complexo de inferioridade aínda visible en parte do progresismo galego.

Pero si esa tendencia xa é preocupante, tampouco é menos problemática aquela pola cal se aceptan como bos 'palabros' absurdos que finxen contar cun profundo valor pero que non son máis que outras perversións da mensaxe política. Nestes tempos está de moda un que tamén naceu dende a dereita -aínda que en moitos casos vestida con fondo vermello- e que xa parece recoñecido de xeito case unánime: esa cousa do “municipalismo”.

É “municipalista” o PP, presume da súa forza “municipalista” o PSOE e incluso no BNG xa se deron pequenos coqueteos cun termo que ten a súa orixe nos intereses de pésimos caciques locais dos anos oitenta e que resulta exactamente o contrario do ideario autonomista ou, por suposto, federalista ou nacionalista. Cando se fala de municipalismo -ou sexa da primacía do concello sobre outras institucións- no fondo estase a patrocinar ese anacronismo polo cal a vida política debe centrarse no municipio e no Goberno estatal, con certo espazo para as Deputacións. Por iso os presidentes destes caducos entes provinciais adoitan proclamarse “municipalistas”. Ou son “municipalistas” esas listas locais normalmente de dereitas travestidas de “independentes”. E tampouco é casualidade que aos grandes defensores do municipalismo lles encante definirse como “viguistas” ou “coruñesistas”, pero nunca se reivindiquen como “galeguistas”. Ante tamaño panorama que unha organización política de ámbito galego poida acomodarse ao ditoso termo non pode ser máis que unha irresponsable e algo covarde estratexia electoral; unha demostración de incultura ao confundir “municipal” con “municipalista” ou “local” con “localista” ou, o que resultaría máis tráxico, unha proba da súa escasa crenza na comunidade galega como ente político central da súa actividade. A ver se vai ser isto. 

De feito, un dos grandes problemas de Galicia na actualidade está no “municipalismo” e a influencia que exerce onde non debería. Con moi poucas excepcións, a Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo actúa como un simple avalista de actuacións locais, normalmente de curto alcance, mirada ás urnas e favorable a pequenas tramas de poder con aire caciquil. Por iso non é infrecuente que sexa a dimisión do Goberno galego en favor dos “municipalistas” a culpable de moitas das numerosas desfeitas urbanísticas, económicas, éticas, ecolóxicas ou identitarias que sofre o país. Barreiros, Gondomar, o silencio ou a defensa dos despilfarros en obras faraónicas de mar, monte ou aire, os problemas do galego nas cidades.... todos estes semellan exemplos de “municipalismo” e do seu aliado: a inacción ou o desinterese dunha Xunta baleirada dun proxecto colectivo para o conxunto do territorio pero moi amiga do 'laissez faire' local, do deixar facer a cada concello, do caos e da improvisación consecuente. Tamén das orquestras que compoñen himnos á corrupción, ese fecundo produto “municipalista”.

Defendía Feijóo ao principio do seu mandato -ou o que sexa o asunto no que leva dous anos- unha “Galicia única”. Agora, porén, xa fala de crear 315 concellos como a 'súa' Galicia. Veñen eleccións locais. Supostamente enfronte do seu PP, hai quen tamén suxire en moitas ocasións idiomas distintos en cada localidade que só comparten a palabra AVE, en teoría máxica, quizais pola súa probada facilidade para o escapismo. E mentres, seica esquecido, espera o concepto “país”, ese soño imposible de construír sen o “municipal” pero  tamén imposible de construír a base de “municipalismo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.