Turismo e seguridade

Todos coñecemos o impacto que o fenómeno do turismo produce no mundo actual, sobre todo dende a súa dimensión social, cultural e económica.

Por José Freire | Pontevedra | 01/05/2011

Comparte esta noticia

Non cabe dúbida que o turismo, xunto cos movementos migratorios, é un feito determinante na transformación das sociedades actuais, constituíndo, ademais dun nexo intercultural, unha variable económica de primeiro orde para un gran número de países, e dun xeito especial para o noso, sobre todo nestes tempos de crise.

Existen factores determinantes na oferta dun turismo de calidade, como poden ser unhas infraestruturas axeitadas ou uns prezos competitivos. Pero se existe  un referente inescusable na elección dun destino turístico ese é a seguridade. E sobre esta premisa básica é sobre a que hai que configurar calquera política de desenrolo turístico.

Se estas reflexións son válidas para calquera país do mundo, o son dun xeito máis notorio no noso, o terceiro destino turístico do mundo e a nosa primeira fonte de ingresos, e cun número moi importante de persoas que desenrolan a súa actividade laboral neste sector.

A súa situación xeográfica, o seu clima, a súa gastronomía ou a hospitalidade e amabilidade das súas xentes, son factores que contribúen a facer de España ese destino turístico de primeiro orde. Aínda así estes factores, non serían dabondo. Outros países os teñen e nembargante o número de turistas que reciben é comparativamente pequeno. Hai dúas cousas que nos viñeron distinguindo durante os derradeiros anos: unha grande capacidade hoteleira, de gran calidade e a prezos razoables, e unhas vacacións tranquilas e seguras e poder regresar aos lugares de orixe sen sobresaltos.

Este factor da seguridade, nos derradeiros tempos, ven sendo cuestionado e ilo a pesar de que, se nos comparamos cos países do noso entorno, seguimos sendo un País relativamente seguro. Pero non podemos esquecer que algúns tipos de delitos aumentaron durante os derradeiros anos, creando unha gran alarma social. Por exemplo, os roubos con violencia a turistas levantaron a voz de alarma.

De cara a un turismo seguro, a xestión da función policial que aquel require debe basearse nun privilexiado contacto co sector, no mellor coñecemento da realidade e na capacidade de xerar información sobre a súa situación.

Neste contexto, o Corpo Nacional de Policía está chamado a desenrolar un papel protagonista, sobre todo porque se atopa despregado nos tres ámbitos dos nosos destinos turísticos: grandes vilas, turismo interior e o de sol e praia.

Asemade, o feito de que as relacións internacionais non sexan alleas ao Corpo Nacional de Policía, dispoñendo de numerosas Agregadurías por todo o mundo, poden ofrecer ao sector turístico español unha gran capacidade de obter e diseminar información.

O porvir da nosa industria turística depende da capacidade de colaboración, coordinación e corresponsabilidade de tódolos axentes implicados. Do éxito desta empresa dependen, en boa medida, as perspectivas de prosperidade do noso País e preséntase como un dos elementos que nos poden axudar a iniciala remontada da actual situación económica.

Neste empeño, a Policía española debe revelarse como un socio próximo ao cidadá español e estranxeiro, atenta aos requirimentos do sector e con capacidade e vontade de render a España o servizo que, tamén neste eido, lle solicita.

Ofrecer calidade turística a través da seguridade exponse como o elemento diferenciador para este sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.