Educación cingue a "dúas" as unitarias pechadas este curso e advirte: "Son inviables centros con tres alumnos por aula"

"É inviable ter centros con tres alumnos por aula", apunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2018 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, sinalou que este curso escolar unicamente pecharon "dúas" escolas unitarias no rural e defendeu que, para iso, seguíronse os mesmos criterios que en anos anteriores. "É inviable ter centros con tres alumnos por aula", remarcou.

Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com
Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com Escola Unitaria de Sillobre, en Ferrol / ferrol360.com

En resposta na Comisión de Educación do Parlamento á deputada de En Marea Luca Chao, que recriminou que co "peche" de servizos neste ámbito as familias ven abocadas a migrar ás cidades, Pinal negou a maior e remarcou que é ao revés: os servizos suprímense cando non hai familias.

Ademais, Pinal indicou que a revisión de escolarización faise cada curso, algo que "non é novidade" este 2018-2019 que acaba de arrincar, respecto diso do que incidiu en que se fai un "uso responsable dos recursos e unha planificación acorde cos orzamentos para que poidan ser o máis proveitosos".

Após lembrar que o "despoboamento" non é unha característica nova en Galicia nin propia desta comunidade, xa que tamén a comparten outras comunidades como Asturias ou Castela e León, defendeu que a Xunta "non cambiou" os cocientes "en tempo de crises" nin agora. Deste xeito, dixo que se trata dunha distribución de recursos "equitativa, sempre de forma responsable": "É inviable ter centros con tres alumnos por aula, estariamos a actuar de forma arbitraria".

Con todo, explicou que a Xunta adopta medidas "para facilitar a escolarización", como un "maior" investimento en transporte escolar (o 25 por cento do transporte escolar de todo o Estado faise en Galicia, dixo) ou incrementar as prazas de comedores escolares, "duplicando o orzamento para a súa gratuidade".

PECHÁRONSE DOUS, FRONTE A 28 EN 2006

Sobre os datos achegados, lembrou que o pasado ano pecháronse nove escolas unitarias e este curso dous. Con todo, citou o primeiro ano de goberno bipartito, en 2006, para incidir en que, ese curso, foron "28" dunha soa vez.

"O noso obxectivo é facilitar o máximo posible unha educación de calidade, independentemente da residencia; pero para iso non é necesario ter centros educativos onde o profesorado sexa maior que o número de alumnado", sentenciou.

A pesar destas explicacións, a deputada de En Marea Luca Chao acusou ao Goberno galego de "desmantelamento no rural" e pediu "cambiar de criterio e de políticas" para fixar poboación no medio rural. "Pecharon menos que o ano pasado, pero van 200 pechados nunha década e neste curso hai 54 aulas menos", subliñou a parlamentaria, quen lamentou que só se cumpran os cocientes "cando resultan rendibles".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta