As perdas pola vaga de incendios de 2017, máis do que se pensaba: 156 millóns de euros só en Pontevedra

Economistas presentan as súas estimacións, conservadoras, sobre o impacto económico dos lumes en Pontevedra a mediados de outubro do pasado ano. A cifra de perdas para esta provincia xa supera en 6 millóns os cálculos que fixo Abanca para toda Galicia e representa o 78% do custo que calculou o profesor da Universidade de Santiago Agustín Merino para todo o país, que cifrou nuns 200 millóns. Ante estes datos, as axudas das administracións semellan insuficientes.

Por Galicia Confidencial | | 11/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

155,89 millóns de euros. Esas foron, sendo conservadores, as perdas económicas causadas polos grandes incendios que asolaron a provincia de Pontevedra a mediados de outubro de 2017. Unha cantidade que podería ser maior, segundo as estimacións presentadas por María L. Loureiro, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e María Alló, do Departamento de Economía da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC). As economistas realizaron unha "estimación a curto prazo, conservadora e parcial" cuxas cifras "contrastan en magnitude con outras estimacións previas".

Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

En xullo deste ano, dábase a coñecer o resumo executivo do informe 'A Economía Galega' de  Afundación, Abanca e a Universidade de Santiago. Neste, dedicábase un epígrafe á vaga de incendios acontecida en outubro do pasado ano. Os cálculos cifraron en 150 millóns as perdas económicas provocadas por estes incendios en toda Galicia.

Antes, en febreiro pasado, o profesor de Edafoloxía da Universidade de Santiago Agustín Merino estimou que a vaga de incendios supuxo perdas de máis de 200 millóns de euros.

As perdas poderían ser maiores, xa que "o dano económico das especies non comerciais non está computado pola falta de datos", indican as economistas.

Porén, a nova achega de Loureiro e Alló eleva a cifra de Abanca só para Pontevedra, e representa só para esta provincia o 78 por cento do custo calculado por Merino, con estimacións conservadoras (hai que ter en conta que no territorio pontevedrés ardeu arredor do 40 por cento da superficie total calcinada, segundo os datos da Xunta, que cifrou en case 50.000 hectáreas o total queimado en Galicia a mediados de outubro de 2017, superficie menor á estimada polos satélites). É dicir, o custo total para todo o país podería ser moitísimo maior do que se pensaba.

Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Como se reparten esas perdas causadas polos lumes na vaga que asolou Pontevedra entre os días 13 e 16 de outubro de 2017?

PERDAS NA INDUSTRIA MADEIREIRA: 56,8 MILLÓNS

A través da análise dos datos dispoñibles, atopouse que as especies máis afectadas foron o Eucalyptus Globulus, seguido polo Pinus Pinaster, o Quercus Robus e o Pinus Radiata. En total, segundo os datos de satélite recollidos por Loureiro e Alló, na provincia de Pontevedra queimáronse 24.959 hectáreas de monte produtivo nos catro días de incendios do mes de outubro de 2017. Preto do 78,42% desta área estaba ocupada por tres especies principais, segundo os datos de satélite.

Co obxectivo de estimar as perdas económicas, calculouse un prezo residual medio como resultado entre a diferenza do prezo de serrado proporcionado menos o prezo da poxa destes montes queimados como consecuencia dos incendios forestais. Especificamente, o dano económico estímase ao redor dos 56.826.532 euros.

As autoras do estudo destacan que se trata dunha "estimación conservadora", xa que "unicamente se están a considerar as perdas económicas como consecuencia da queima das especies comerciais e, polo tanto, o dano económico das especies non comerciais non está computado pola falta de datos". 

PERDAS POR CAPTACIÓN DE CARBONO: 10,5 MILLÓNS

Tamén se estimaron as perdas relacionadas coa asimilación de carbono. Preto de 27.230 hectáreas de área forestal boscosa resultaron queimadas, o que implica, segundo estas autoras, unha perda significativa de retención de carbono por biomasa viva.

As economistas asumiron para os seus cálculos que a biomasa viva asimila uns 3,17Mg/hectárea/ano no caso das frondosas e coníferas galegas. Así, expoñen que a perda de secuestro de carbono considerando só un ano de perdas é de aproximadamente 316.505 toneladas de CO2.

Para calcular os danos económicos ocasionados pola perda de captación de carbono, utilizaron o custo social do carbono para estimar o dano actual que proprociona á sociededa non ter ditos sumidoiros de carbono. O custo social do carbono representa o dano actual en termos económicos causado pola emisión dunha tonelada de CO2.

Dutante a vaga de lumes na provincia de Pontevedra foron emitidas á atmosfera ao redor de 2.166.640 toneladas de CO2.

As autoras utilizaron como referencia os cálculos da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos para o 2015, de xeito que utilizando unha taxa de desconto do 3%, o custo social medio do carbono estímase en 37 dólares/tonelada, o que medido en euros do 2017 equivale a 33,22 euros.

Isto, din, significa que a perda por captación de carbono nun ano concreto é de 10.514.296 euros.

De novo, subliñan, trátase dunha "estimación conservadora debido ao feito de que a biomasa afectada non se recupera unicamente nun ano, e para restaurar a capacidade de secuestro, de feito, dependendo da idade das árbores afectadas e da biomasa viva, necesitaranse turnos ao redor de 15 ou máis anos, dependendo da especie arborea fundamentalmente". 

PERDAS POR EMISIÓNS DE CO2: 71,9 MILLÓNS

Ao redor de 2.166.640 toneladas de CO2 foron emitidas á atmosfera debido a estes incendios producidos en Pontevedra en outubro de 2017. Para obter unha estimación dos custos económicos destas emisións, usouse de novo o custo social do carbono para monetarizar o valor do dano causado por cada tonelada de CO2 (33,22 €/tonelada CO2).

As consecuencias das emisións de CO2 dos incendios forestais estímanse en 71.975.780 euros.

PERDAS CULTURAIS: 16,6 MILLÓNS

Para monetarizar as perdas ambientais causadas por incendios relacionados con fins culturais, usos recreativos e apego emocional, aplícouse a metodoloxía de transferencia de beneficios, unha técnica que permite transferir o valor económico dun ben público, neste caso os usos recreativos do bosque, desde un lugar de estudo ata un sitio concreto de interese, como explican as economistas.

Para realizar esta análise, era necesario seleccionar valoracións previas de estudos similares para aplicalos á nova situación de valoración, co fin de reducir o erro de transferencia. Enfocándose na literatura forestal galega, seleccionaron o estudo de M. Barrio, M. Loureiro e M.L. Chas 'Aproximación a las pérdidas económicas ocasionadas a corto plazo por los incendios forestales en Galicia en 2006', publicado en Economía Agraria y Recursos Naturales en 2007. Nese traballo, avaliaron a disposición a pagar dos fogares galegos para levar a cabo unha política de prevención que permita evitar episodios como os incendios rexistrados en 2006. Os beneficios do programa de prevención proposto incluían os valores culturais e recreativos. O estudo foi seleccionado porque proporcionou a información máis comparable para o caso de Pontevedra de 2017. Naquel estudo anterior, os autores estimaron que a disposición media a pagar dos fogares galegos era de aproximadamente 39,84 euros. Así, co fin de ter unha aproximación para evitar un episodio como os incendios forestais de outubro de 2017, actualizouse a estimación previa a prezos de 2017, atopando que cada fogar galego estaría disposto a pagar arredor de 45,58 euros para evitar un episodio deste tipo.

Polo tanto, aplicando esta estimación ao número de fogares que viven na provincia de Pontevedra (uns 364.100 segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), estímase que a perda económica total no referente a valores de uso pasivo ascende a 16.595.678 euros. 

A Xunta tan só aportou 23 millóns de euros a axudas polos incendios en toda Galicia, mentres que a Unión Europea fixo unha pequena achega de 3,2 millóns.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na Revista Galega de Economía nun artigo titulado 'Os incendios forestais e o seu impacto económico: proposta para unha axenda investigadora'.

AXUDAS INSUFICIENTES

Ante estes datos, e a hipótese de que as perdas económicas globais para toda Galicia causadas pola vaga de lumes de outubro de 2017 sería maiores do que se pensaba, as axudas das distintas administracións públicas son claramente insuficientes para cubrir os custos da catástrofe.

A Xunta activou en outubro do pasado ano unha liña de axudas por estes lumes que ascendeu a 23 millóns de euros,.

En xullo deste ano, a Comisión Europea deu 'luz verde' a unha axuda de 3,2 millóns de euros do Fondo de Solidariedade da Unión Europea para España para facer fronte aos danos causados por esta vaga de incendios en Galicia. 

Bosque totalmente calcinado en Ribarteme (As Neves), tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro de 2017
Bosque totalmente calcinado en Ribarteme (As Neves), tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta