Desfeita

Prodúcese unha desfeita cando algo ou alguén resulta cun dano grave ou é destruído. Algo así lle pasou ao Partido Socialista Obreiro Español nas derradeiras eleccións municipais e autonómicas.

Por José Freire | Pontevedra | 29/05/2011

Comparte esta noticia

Cando unhas eleccións, que tiñan que desenrolarse en clave municipal ou autonómica, teñen uns resultados destas características, quere dicir que os electores esquecéronse diso e soamente tiveron en conta a xestión levada a cabo polo actual goberno socialista, que conduciu a situacións nunca acadadas, polo menos na etapa democrática.

É unha vergoña que, por exemplo, tras unha crise orixinada por especuladores financeiros se entreguen miles de millóns á banca, que os seus dirixentes se xubilen con pensións millonarias e que, para resolver o problema, a solución sexa menos dereitos para os traballadores. E isto ocorre cun goberno socialista, cuxo Presidente cansouse de manifestar que nunca ía tomar medidas contra os piares do estado do benestar. E a boa fe que o fixo. E ben que se está a notar no eido da seguridade cidadá. E cando un representante dos traballadores da seguridade pública denuncia publicamente os recortes que fan que se preste un deficiente servizo á cidadanía, velaí que se intenta coartar a súa liberdade de expresión.

A seguridade dun país está en mans de persoas. Nun país democrático, como se di que é España, estas persoas son as que forman parte dos corpos policiais e que velan polos dereitos e liberdades dos cidadáns. E estes policías deben gozar do mesmo status de dereitos e liberdades ca o resto dos cidadáns a quen presta o servizo que o Estado lles encomenda.

Nembargante, os policías e os gardas civís españois son privados dos dereitos máis elementais, sendo vítimas da máis brutal represión quen pretenda avanzar na consecución dos lexítimos dereitos que deben ampararlles.

E digo isto, porque se está a notar unha constante apertura de expedientes disciplinarios aos representantes dos membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil por exercer un dereito, universalmente recoñecido, como o da liberdade de expresión.

Díxeno nalgunha outra ocasión. A democracia española ten unha débeda cos Corpos e Forzas de seguridade do Estado. Os gobernos non está sendo xustos cos cidadáns encargados de velar pola seguridade de todos: policías e gardas civís que veñen perdendo á súa vida defendendo estes dereitos. E a cidadanía pode estar actuando de cómplice do Goberno ao non impedir este trato.

Non ten xustificación que o Goberno español se ampare no carácter militar dun corpo policial para xustificar o seu actual déficit de liberdades. Nin a discriminación salarial que padecen os corpos policiais estatais de España ao respecto dos seus colegas autonómicos ou locais. Somos conscientes de que estamos nun escenario de crise global e esta reivindicación se pospuxo. Pero é xusto recoñecer que cando no noso País se nadaba na abundancia, baseaba a súa política policial en aumentar os salarios dos corpos autonómicos, policía vasca e catalá, que superaron amplamente os dos corpos estatais.

O Goberno español está obrigado a escoitar aos seus policías, a dotalos dos medios axeitados para levar a cabo o seu traballo cotiá, a asignarlles un salario digno, a consensuar cos representantes sindicais un sistema democrático que rexa ás súas actuacións, sen mordazas.

Unha sociedade moderna, xusta, democrática e tolerante, non pode ter amordazados aos encargados de velar pola súa seguridade e liberdade.

A día de hoxe, os policías e gardas civís están sendo maltratados, vexados, humillados, en tódolos eidos, polo Goberno da Nación, condenándoos a ser e sentirse cidadás de terceira e sen dereitos nun país democrático.

Deus nos colla confesados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.