A Benedito XVI

Santo Pai: escríbolle estas verbas na miña dobre condición de seguidor de Xesús de Nazaret e de funcionario, á vez que representante sindical, do Corpo Nacional de Policía.

Por José Freire | Pontevedra | 02/07/2011

Comparte esta noticia

E o fago a raíz da visita que vai realizar a Madrid, entre os días 18 e 21 de agosto, con motivo da celebración da Xornada Mundial da Xuventude.

Non sei se saberá que o Ministerio do Interior de España vai gastar 1.700.000 euros só para pagar dietas, horas extras e compensacións por retrasar as vacacións, aos 4.952 axentes do Corpo Nacional de Policía que participarán no dispositivo de seguridade montado para protección da súa Santidade e de tódalas persoas que participen no evento.

Coido que saberá tamén que o noso País, ao igual que outros, está atravesando por unha profunda crise económica e que a caixa forte do Estado está baleira, polo que eses cartos terán que ser detraídos de partidas claves como, por exemplo, as que serven para pagar as dietas dos policías que teñen que viaxar en operacións contra o crime organizado e a droga, ou a destinadas a pagar o complemento de produtividade dos axentes. Polo que, Santo Pai, sería conveniente que soubera que a seguridade da súa visita vai ser pagada polos propios policías, polo que non estaría demais que, como recompensa, nos tivera sempre presentes nas súas oracións.

Non dubido que este tipo de xuntanzas cos xoves sexa necesaria. Pero nos tempos que corren, con cinco millóns de parados e familias enteiras con tódolos seus membros sen traballo, e moita xente sen ter unha codia de pan que levar a boca, o custo que vai supor esta visita supón un pecado contra o máis profundo sentimento cristián.

Santidade, Vostede que está máis preto que eu, pregúntelle a Xesús a que se refería cando dixo que o seu reino non era deste mundo. Unha declaración que non lle gustou aos xudeus que esperaban un Mesías poderoso, que os liberara do xugo da escravitude dos romanos. E no fixo porque non lle quixera ao seu pobo, tivese medo ou lle faltara poder. Non. Simplemente porque o seu reino estaba baseado no amor, no perdón, na solidariedade, na integración e na xustiza social. Un reino onde houbera espazos para todos. Un reino onde as súas portas sempre estiveran abertas para todos.

Ese reino debería sela Igrexa. Pero algúns membros da xerarquía no entenderon así e están a construír un reino de ostentación e poder, que está a pechar as portas do amor, da xustiza e da paz a moitas persoas.

Non lle estrañe, Santo Pai, que calquera destes días atopemos a Xesús pola rúa e lle preguntemos: ¿Quo Vadis, Señor?. E nos responda: Vou a ser crucificado en Roma por segunda vez, porque os meus propios discípulos me abandonaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.