Un repaso a este 2018 a través das Palabras do Ano

'Deseucaliptización' foi elixida como a verba deste 2018, acompañada doutras como 'feminismo', 'sororidade', 'apoderamento', 'fariña' ou 'fascismo'. Que revela este conxunto de termos finalistas do certame? Que pasou este ano para que estes fosen os vocábulos máis votados?

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como xa vén sendo habitual nos últimos tempos, o Portal das Palabras -o proxecto web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para divulgar o léxico galego- convocou un certame para escoller a Palabra do Ano. ‘Deseucaliptización’ foi o termo que resultou vitorioso este 2018, con máis da metade dos votos entre un total de 5.724 emitidos. ‘Feminismo’, ‘sororidade’, ‘apoderamento’, ‘fariña’ e ‘fascismo’ son outros dos vocábulos que acadaron un apoio importante. E logo...,  que pasou neste 2018 para que estas fosen as verbas candidatas a alzarse co título?

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

Xa viñamos vendo noutras ocasións que a Palabra do Ano actuaba como unha sorte de reflexo da actualidade informativa imperante. ‘Corrupción’, no 2014, ou ‘refuxiado/a’, no 2015, deixaban entrever unhas das principais preocupacións por aquel entón. ‘Irmandade’, a Palabra do Ano 2016, resultaba gañadora xusto no centenario das Irmandades da Fala. No pasado 2017 impoñíase ‘afouteza’, unha verba especialmente vencellada ao Celta de Vigo e ás súas campañas.

Desta volta tampouco nos son demasiado alleos os resultados. ‘Deseucaliptización’ érguese como o termo galego deste 2018 logo dunha tempada na que o interese polo coidado dos montes foi medrando paulatinamente. Despois dun calendario do 2017 marcado a lume –nunca mellor dito- polos sucesos terribles acontecidos nos nosos bosques, colleron auxe as iniciativas ligadas a unha mellora da xestión forestal.

Precisamente unha delas daba a luz canda este 2018. "Campaña para desterrar os eucaliptos e recuperar o bosque autóctono no monte Fronxán, distinguido pola ONU", titulaba Galicia Confidencial xa a inicios de xaneiro. Foi este un dos precedentes dunha onda deseucaliptizadora que viría a agrandarse nos meses seguintes, da man das Brigadas.

"O propio Ministerio de Medio Ambiente recoñece que os eucaliptos son especies invasoras e deberían erradicarse", dicíase o 3 de abril, xusto o mesmo día no que se publicou unha nova que parecía contraposta: "O plan forestal pretende que o eucalipto ocupe 25.000 hectáreas máis", segundo un proxecto presentado entón dende Ordenación Forestal. 

Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller
Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller | Fonte: Miguel Núñez.

Este foi o caldo de cultivo no cal xurdiron as chamadas Brigadas Deseucaliptizadoras, impulsadas polo colectivo ecoloxista Verdegaia. Este proxecto de voluntariado movíase co obxectivo de reforestar os montes galegos con especies autóctonas, no canto doutras foráneas e invasoras. 

O seguimento de proxectos nesta liña foi bastante significativo. De feito, en xuño xa se lograran xuntar "Máis de 40.000 sinaturas no Parlamento contra a expansión do eucalipto".  Eran os albores dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) que procuraba un novo modelo para os montes galegos, pero cuxa tramitación foi paralizada en novembro logo de ser rexeitada a súa toma en consideración cos votos negativos do PP e a abstención do PSdG. Así o contabamos no GC: "O PP oponse a unha proposta para mudar a xestión forestal e 'parar o eucalipto' ".

Non resulta estraño entón que 'deseucaliptización' fose elixida Palabra do Ano 2018. É máis: este concepto xa bulía no 2017 entre as finalistas do certame. Daquela fora o termo oposto, 'eucaliptización', o que se coara entre as palabras candidatas, aínda que tamén se fixera un oco no concurso a idea da 'vaga de lumes', seguramente relacionada cos acontecementos daquel outubro. 

UN 2018 DE VOCES FEMININAS

Malia que ‘deseucaliptización’ logrou a maior parte dos votos para converterse no termo gañador (3.114; é dicir, o 54,40%),  o conxunto das palabras finalistas neste certame acapárano verbas que remiten á loita feminista: sororidade (641 votos), apoderamento (316) , feminismo (1.032)... Non é casualidade.  E é que este foi un ano cheo de “reivindicacións en todo o mundo pola fin da desigualdade” de xénero, tal como indican dende a organización do concurso.

Ata a fin dos tempos ficará sinalada a data do 8 de marzo do presente ano, por ser a xornada na que se celebrou a exitosa folga de mulleres a nivel internacional. Milleiros de voces femininas berraron nas rúas todo aquilo que se lles ten silenciado, prohibido, mancado, sinalado, reprochado, apartado... Así cubriu GC aquela xornada histórica: "Última hora da folga do 8 de marzo: masivas manifestacións en Galicia"

Aínda que queda moitísimo camiño por percorrer, o certo é que neste 2018 se avanzou un bo treito en materia de reivindicacións. Seguen sendo necesarias, claro, e así o proban as persistentes situacións machistas e de violencia de xénero que se dan a diario.

Foi tamén este o ano da expansión do movemento #MeToo, xurdido nos últimos meses do 2017 ao abeiro do colectivo de actrices. O seu crecemento foi tal que mesmo impregnou outros sectores como o da fisioterapia. "As fisioterapeutas galegas, en pé contra as actitudes machistas" , publicaba GC en novembro, a fío da iniciativa #MeTooFisio.

Os espazos conquistados polas mulleres abrangueron incluso as páxinas dos dicionarios -se ben aínda perduran definicións sexistas-.  O termo 'apoderamento' irrompeu na RAG , xa asentado nun imaxinario colectivo berrallón e non resignado.

TAMÉN FALAMOS DE 'FARIÑA' E 'FASCISMO'

As outras dúas verbas que completan a listaxe de finalistas na competición organizada polo Portal das Palabras son 'fariña' e 'fascismo'. A primeira delas obtivo máis de 500 votos no remate dun ano no que a historia do narcotráfico galego dos anos 80 traspasou fronteiras. Fíxoo, en boa medida, da man da serie de televisión producida por Bambú Producciones e baseada no libro do xornalista Nacho Carretero.

Ademais de lograr interesantes resultados de audiencia coa súa emisión en Antena 3, Fariña -precisamente ese era o título da obra- protagonizou ata conflitos xudiciais que, máis ca deste 2018, semellaban propios do século pasado.

"A xuíza de Villalba executa o secuestro de Fariña e a editorial paraliza a súa reprodución e distribución", rezaba un titular deste xornal o 5 de marzo. Foi o primeiro secuestro dun libro durante o período democrático, unha situación que se mantivo ata xuño: catro meses de censura que, lonxe de facer esquecer todo o que tivese que ver co tema, o que fixeron foi avivar o relato nas bocas de todo o estado e do estranxeiro.

Como adiantabamos, a lista péchase dun xeito parecido ao que se despide tamén a política deste 2018: coa inclusión do 'fascismo'. Quizais o punto máis evidente disto sexa o crecemento de partidos como Vox, que chegou a obter representación parlamentaria en Andalucía tras concorrer ás eleccións autonómicas con idearios fascistas. Deste xeito, espertou (ou reactivou) o debate sobre estes asuntos

Á fin, o léxico non é máis ca un espello das cuestións que nos interesan e nos preocupan. Esta iniciativa do Portal das Palabras reflicte ben tal correspondencia. 

A serie Fariña. ATRESMEDIA - Archivo
A serie Fariña. ATRESMEDIA - Archivo
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Temos outro Froxán esquencido no Courel, para o que que reclamamos a protección de Parque Natural, pero o Courel carece de poboación suficiente para levar adiante iniciativas de éxito... O centro escolar de Seoane está en perigo tódolos anos de ser pechado e os cativos trasladados a Quiroga ou Samos... Non esquezamos que o despoboamento en Galicia é a epidemia máis perigosa que ninguén atalla por razóns obvias... (non dan votos!) https://i.gal/gamela02 nin siquera para votar as palabras do ano!

1 Gamela

Memtres hai vida... hai esperanza !!! https://youtu.be/Db7bMShHYik