Ministros

Ó falar de Ministros estoume a referir ós que, na miña calidade de funcionario policial e de representante sindical, tiven a sorte ou a desgraza de padecer como titulares de Interior.

Por José Freire | Pontevedra | 18/07/2011

Comparte esta noticia

Ven isto a conta coa recente substitución de Alfredo Pérez Rubalcaba por Antonio Camacho. Isto da pe a que faga unha pequena lembranza de todos iles. Nos meus trinta e cinco anos de servizo, foron uns cantos, de toda pelaxe e condición.

Iniciei a miña andadura profesional co entón chamado Ministro da Gobernación Rodolfo Martín Villa. Un home que iniciou unha apertura, algo tímida, como non podía ser doutra forma naquela época, nas estruturas policiais. Moi lembrado polos funcionarios que aínda subsistimos e que foi quen, a pesares das reticencias da estrutura militar do corpo, a levar a cabo un importante aumento nas raquíticas retribucións dos policías que se atopaban moi desmotivados e angustiados polas numerosas vítimas que, día a día, estaba a producir o terrorismo.

Estivo pouco tempo, apenas un ano, un militar chamado Antonio Ibáñez Freire. Será lembrado por aquela frase famosa, que pronunciou despois dun atentado, nun deses arrebatos patrióticos propios da etapa pasada, de que perseguiría ós terroristas ata o centro da terra. Hai quen di que aínda os está buscando alá polo manto inferior.

 Juan José Rosón apenas tivo influencia na súa relación coas forzas e corpos de seguridade, aínda que destacou na promoción das condicións para o exercicio dos dereitos fundamentais, especialmente no que atinxe á liberdade e á seguridade persoal, nos termos establecidos na Constitución aprobada recentemente.

Os que formamos parte deste colectivo lembraremos a José Barrionuevo Peña por ser o Ministro que, despois de moito loitar, non tivo máis remedio que autorizar a legalización do Sindicato Unificado de Policía, e por selo primeiro Ministro do Interior condenado a dez anos de cadea polos delitos de secuestro, realizados polos Gal, e de malversación de caudais públicos. Unha triste etapa na historia deste País.


E chegamos a un dos peores Ministros do período democrático, José Luís Corcuera. Nefasto na súa xestión deixou ós corpos e forzas de seguridade peor que cando chegou. Lembrado pola Lei que leva o seu nome, tamén coñecida pola “lei da patada na porta”, e na actualidade como Lei 1/1992 de Protección da Seguridade Cidadá que segue vixente, se ben algúns dos seus artigos foron declarados anticonstitucionais polo Alto Tribunal. Tamén se veu involucrado en procesos xudiciais de fondos reservados, regalos de xoias ás mulleres dos altos cargos do seu departamento e polo asunto dos GAL. Todo un exemplar. Aínda hoxe anda facendo das súas, abusando do seu status, con coche e escolta a conta do erario público.

Tras Corcuera chegou Antoni Asunción Hernández. Apenas durou seis meses a súa xestión. Alguén que tiña toda a pinta de chegar a ser un bo Ministro, pero os francotiradores apostados nos seus despachos de poder no propio Ministerio e, sobre todo, o asunto de Luís Roldán o condenou á dimisión, un acto nada común entre a clase política, que o honra.

Na derradeira etapa do goberno socialista, aparece en escena o xuíz Juan Alberto Belloch, de triste lembranza para os policías que, aínda a día de hoxe, estamos padecendo aquela reforma do Código Penal impulsada polo entón Ministerio de Xustiza e Interior, que  elevou as penas considerablemente para os delitos de detención ilegal, entrada e rexistro ilegal e outros delitos cometidos por funcionarios, o que traducido a práctica, e cun só dia de inhabilitación, supón a expulsión definitiva do corpo.

Xunto coa de Corcuera, a etapa de Jaime Mayor Oreja foi desastrosa para a seguridade e para a policía. Delega parte das súas competencias no Director Xeral da Policía Juan Cotino. Implántase o Plan Policía 2.000 que supón un enorme fracaso e que da lugar a mobilizacións, denuncias e expedientes. Fai traballar ós policías en patrullas unipersoais, conxela os seus salarios durante dous anos, redúcese o número de efectivos, firma un Acordo coas organizacións sindicais que logo incumpre.

A este período, para esquecer, sucédelle o de Mariano Rajoy, do que pouco se pode falar xa que o escaso tempo que estivo ó fronte do Ministerio pasou sen pena nin gloria. Posiblemente as súas preocupacións estaban centradas nas movidas sucesorias.

O de Ángel Acebes Paniagua foi, para os funcionarios policiais, unha das etapas máis frutíferas e onde se acadaron uns niveis de acordo e consenso moi salientables, que dignificaron a profesión dos traballadores da seguridade pública. Hai que recoñecer que para ilo contou coa estimable colaboración da Subsecretaria de Interior, Ana Pastor, e do mellor Director Xeral que tivo a Policía, Agustín  Díaz de Mera.

O mesmo que se dixo de Rajoy pode falarse de José Antonio Alonso. Os escasos dous anos non deron para moito, se ben é salientable o incremento de 4.000 prazas de ingreso para o Corpo Nacional de Policía.

E chagamos ó nome de moda. Alfredo P. Rubalcaba. Capaz de manter unha cousa e a contraria ó mesmo tempo e convencerte de que leva razón. Pode negociar con varios ó mesmo tempo e de varias cousas. Aceptar cousas que parecen contraditorias entre si para conseguir o acordo de todos. Pactou cos sindicatos policiais dúas leis orgánicas, unha ordinaria e un Catálogo de Postos de Traballo (este con todos menos co SUP), normas sen consenso que son más propias dun goberno conservador que dun progresista.

Aplicou unha política de seguridade pública durísima para os cidadás, con identificacións, multas, controis etc., pero actúa con prudencia cos indignados do 15-M e aparece ante a opinión pública como o contrario. Durante o seu mandato celebráronse dúas eleccións sindicais na Policía, nas dúas producíronse erros, neglixencias, incluso decisións da Xunta Electoral, que rectificaron os tribunais anos despois. Pode pasar, nun minuto, de ser un bo amigo, se lle convén, que te pode emborrachar cos seus abrazos, a un mal inimigo que che atacará por tódolos medios e sen descanso.

Para Antonio Camacho Vizcaino, igual que o fixemos con tódolos demais, o desexo que acerte na súa política de seguridade, que moito nos tememos vai ser de continuidade, aínda que, ó que parece, pouco tempo lle queda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.