Policia e xornalismo

Como membro dun corpo policial e con relacións co xornalismo, dada a miña condición de representante sindical, podo afirmar con total rotundidade que estamos a falar de dúas actividades ou profesións estreitamente intercomunicadas.

Por José Freire | | 15/08/2011

Comparte esta noticia

Falar das relacións da Policía cos medios de comunicación social, o xa clásico cuarto poder, é falar de información aos cidadáns, de imaxe, de divulgación preventiva, de colaboración que beneficie á función policial.

 
É falar de todo isto, pero é tamén falar de filtracións desleais, de ameaza á óptima culminación dun servizo por efecto de calquera información xornalística, dunha especie de espada de Damocles que pende sobre os policías en forma de crítica, ás veces pouco benévola, sobre as súas actuacións.
 
Ninguén pode poñer en dúbida o dereito dos cidadás a producir e recibir información veraz. Trátase dun dereito fundamental normativizado ao máis alto nivel nos ordenamentos xurídicos dos países democráticos, que os policías non so recoñecemos senón que, como tódolos demais dereitos, debemos respectar, protexer e favorecer activamente.
 
Na relación entre os policías e os xornalistas existen grandes odios e grandes amores. Ámbalas dúas profesións teñen puntos de encontro, escenarios comúns, obxectivos coincidentes e ata terminoloxía compartida, xa que, policías e xornalistas, desenrolan por igual actividades de información e investigación. O que sucede é que, namentres a función informativa e de investigación da Policía ten carácter reservado e baixo os poderes executivo ou xudicial, ou ámbolos dous, e se dirixe a protexer aos cidadás no exercicio dos seus dereitos e liberdades e garantir a seguridade do Estado, a do xornalismo comeza e remata na captación e publicación de calquera nova que ofreza interese ao público.
 
Haberá pois ocasións en que se produza unha confluencia de propósitos antagónicos ou enfrontados. De xeito que o interese policial tenderá a que un feito quede, de momento ou quizais definitivamente, oculto ao coñecemento público, en tanto que o interese xornalístico apuntará a que o mesmo feito sexa publicamente difundido canto antes e coa maior riqueza posible de detalles. Nesa loita de intencións é onde reside o máximo punto de distanciamento entre ambas profesións.
 
Ante iso so cabe unha cabal e racional solución ao problema que, dende logo, non pasa por fortificar as posicións de cada quen en orden a saír triunfantes en sucesivos envites, o que nos conduciría a unha perigosa dinámica belixerante.
 
O que procede é chegar a un sensato acordo no que, por exemplo, o xornalista acepte manter unha información sen publicar durante un lapsus de tempo, se ilo fose necesario, para rematar un servizo de investigación policial. A cambio, a Policía informe amplamente do servizo aos medios de comunicación no mesmo intre en que desapareza o obstáculo divulgador.
 
Está moi estendida a idea de que existen policías que amosan receo e animosidade contra a clase xornalística; e  xornalistas que, cando se trata de informar sobre o traballo policial, esquecen o rigor, as comprobacións e os contrastes sobre o feito obxecto da información.
 
Eu diría que ámbalas dúas institucións se necesitan e que están irremediablemente condenadas a entender.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.