Definitivo?

Esa é a interrogante que nos facemos algúns despois que a banda criminal ETA anunciase, o pasado xoves, o cesamento definitivo da súa actividade armada. Non podemos dicir que sexa unha mala nova, salvo que alguén pense que sería moito mellor que seguisen asasinando ou que se trate dun engano máis dos que xa nos ten acostumados.

Por José Freire | Pontevedra | 24/10/2011

Comparte esta noticia

Dende o meu punto de vista e aínda co risco de trabucarme, inclínome a pensar que, desta vez, parece que non van de farol.

ETA réndese porque está derrotada. A organización asasina vasca atópase máis debilitada que nunca, non cobran o imposto revolucionario e os poucos membros da organización que aínda están dispostos a matar saben que serán detidos, antes de cometelo crime ou pouco tempo despois. Están no seu final e o saben.

Se a isto lle engadimos a sentenza do Tribunal Constitucional  que  legaliza o “entramado Bildu” e lles permite ter unha presenza moi significativa en varios concellos e deputacións e que están intentando crear unha nova marca que lles permita presentarse ás vindeiras eleccións xerais, coido que a estratexia é evidente. Non fai falla ser moi intelixente para darse conta que este cese da loita armada lle pode dar moitos réditos na vindeira cita electoral. 

E para darlle solemnidade a toda esta estratexia e protagonismo á banda terrorista, organizase unha conferencia internacional á que asisten uns “mediadores” (algún moi sospeitoso pola súa habilidade como comisionista) coa finalidade de rematar con máis de 50 anos de violencia e acadar “unha paz” xusta e duradeira, como se dun enfrontamento armado entre nacións se tratara.

É unha boa nova porque ETA di que non matará máis, pero aínda non dixo que se vai disolver, que vai entregalas armas, que se van entregar á xustiza, que asumen a reparación das responsabilidades civís e penais, nin que pide perdón ás vítimas.

Pola contra, no seu comunicado, solicitan ós gobernos de España e Francia abrir un proceso de diálogo directo que teña por obxecto a resolución das consecuencia do conflito. E iso so sería posible se reparasen o dano causado e devolvesen a vida ós mortos e a alegría ás súas familias. E iso desgraciadamente non pode ser.

Quédalle unha dura tarefa os políticos que teñan a responsabilidade de gobernarnos a partir do día 20 de novembro. Non deberían caer na tentación de aceptalas condicións da banda terrorista xa que se converterían, dende o meu punto de vista, nuns traidores a España, ós españois, pero sobre todo ás vítimas e ás súas familias. Non podemos deixalas simplemente a “título de inventario”.

Celebro que se dera este paso. Pero eu, que coñecín e convivín con algunhas destas vítimas, embárgame unha sensación de dor porque non chego a comprender o porqué de tanto asasinato para chegar a este fin.

Nun comunicado emitido polo Sindicato Unificado de Policía e a Asociación Unificada de Gardas Civís, proponse que o día 20 de outubro debe quedar fixada como a data da vitoria en memoria das vítimas do terrorismo, como homenaxe a elas e mostra de apoio ás súas familias.

ETA pretende un final sen vencedores nin vencidos. Nesta historia ten que haber vencedores e vencidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.