Feijóo cualifica de “excepcional” o sistema de loita contra incendios da Xunta

Anuncia que se se acredita que o lume de Dodro e Rianxo foi provocado por unha “chispa” nunha torreta eléctrica “se lle esixirá” á empresa que pague a factura, pero evita confirmar se haberá denuncia por imprudencia.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 28/03/2019 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu defender o seu sistema de loita e extinción dos incendios forestais. Un sistema que cualificou de “excepcional” logo de que na primeira semana da primavera arderan case 2.000 hectáreas e tivera lugar o peor incendio en Galicia desde a vaga de lumes de 2017.

Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro
Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro | Fonte: Miguel Núñez

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo felicitou ao operativo que está traballando para apagar os incendios desta vaga de lumes primaveral e destacou que o 60% dos lumes dos últimos días quedaron en conatos e só un 4% superaron as 25 hectáreas ardidas. “Temos un sistema excepcional”, subliñou. 

Nunca tivemos na Xunta tantos medios”, incidiu ao lembrar que desde o 1 de maio está xa operativo o plan de loita contra os incendios, con reforzo de persoal. Un operativo, dixo, que se manterá ata o 31 de outubro. Así respondeu ás críticas de sindicatos e de bombeiros forestais que denunciaban “improvisación” e “descoordinación”. “Chegamos a un acordo retributivo cos axentes forestais e hai un acordo laboral con eles”, manifestou.

En todo caso, volveu criticar a “actividade incendiaria” que dixo que está a ser “evidente” nalgúns dos incendios. Así, lembrou que no de Lousame houbo tres focos simultáneos, dous no incendio do Barco e en Ponteareas catro incendios diferentes en pouco tempo. “E todo se fai con nocturnidade”, criticou. Ademais, volveu responsabilizar á seca e os fortes ventos da gran incidencia dos lumes nesta tempada e subliñou que tamén hai “unha gran actividade incendiaria” no norte de España e en Portugal.

INCENDIO DE DODRO E RIANXO

En relación ás causas do lume de Dodro e Rianxo, Feijóo dixo que “está a ser investigado polo Seprona”. Preguntado por GC se denunciará á empresa eléctrica responsable das torretas se se confirma que unha chispa dunha delas iniciou o incendio, o presidente galego destacou que “haberá que agardar as investigacións”, pero se se confirma isto, pedirán á empresa que “pague a factura” da extinción do incendio. Con todo, non dixo se presentará denuncia contra a eléctrica, como xa ten feito noutros incendios provocados por particulares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pitito

Xa o dicia eu, bombeiro honorario dende 2009. Opinion de experto. Con estes incendios remataba el nun plis plas. Pon os castellanos e colle a mangueiruña e que treme a Galiza !!!