Ministrables

Despois de que os españois lle deran a súa confianza, por unha abafadora maioría, ao Partido Popular, ábrese un período de transmisión de poderes e nomeamento do novo Goberno.

Por José Freire | Pontevedra | 27/11/2011

Comparte esta noticia

É aquí onde xorden as primeiras especulacións sobre quen será o titular desta ou outra carteira ministerial, os ministrables.

Son moitas as persoas e medios de comunicación que requiren a opinión do sindicato maioritario da policía, a quen represento en Galicia, sobre os posibles ministros do Interior e as nosas preferencias. Dende logo non tería sentido que o fixeran sobre os de Economía, Sanidade ou Traballo.

Nin que dicir ten que so Mariano Rajoy, e posiblemente a persoa elixida, saiba quen vai desenrolar un ministerio ao que se lle presentan retos tan importantes como o de loitar contra un incremento considerable da delincuencia, xestionar o final da banda terrorista ETA, ou dignificar e modernizar os Corpos de Seguridade do Estado.

Aínda co risco de trabucarnos, velaí vai a nosa quiniela. 

Alberto Ruiz‐Gallardón. Actual alcalde de Madrid e eterno aspirante a líder do PP, con ningún apoio nas estruturas do seu partido na capital pero, pola contra, un político con moito apoio popular. Se Interior é unha carteira cuxos titulares sempre obteñen unha boa consideración cidadá, pensando a longo prazo no relevo na presidencia do P.P. e en pechalas portas a Aguirres, Orejas, etc., este pode ser un bo ministerio para Gallardón.

Ana Pastor. Foi subsecretaria con Rajoy, polo que coñece a casa, Persoa da súa máxima confianza e sería a primeira muller en ocupar esta carteira. Ten capacidade política e “cabeza” suficiente para elo. Daría á súa xestión un perfil máis técnico e menos político que Gallardón, co  que depende de en qué dirección queira Rajoy que se xestione e o obxectivo político que persiga, máis alá da boa xestión da
carteira de Interior. Pode ser unha das sorpresas, non tanto como ministra, que o damos como seguro, senón por ocupar o Ministerio de Interior. Ela sabe que sería benvida.

Juan Cotino. Actual presidente das Cortes Valencianas. Foi Director Xeral da Policía durante o tempo en que Rajoy foi Ministro do Interior. A relación entre ambos foi de confianza e que se foi estreitando co  paso dos anos, ata o punto de que son moitos os que opinan que é  un dos homes de confianza de Rajoy en Valencia. Ao seu favor xoga o coñecemento do Ministerio, para o bo e para o malo; sabe o que se fixo ben e os erros que se cometeron, algún moi importante. Esperamos que na súa traxectoria política, que comezou como concelleiro de Valencia, adquirira a experiencia suficiente para poder ocupar a carteira ministerial con garantías e non caer nos mesmos erros.

Ignacio Cosidó. Actual portavoz de Interior do PP. Foi Director do Gabinete do Director Xeral da Garda Civil, Santiago López Valdivieso. Parece o máis afastado de Rajoy pero é un parlamentario brillante e froito da súa tarefa anterior e da desenrolada estes anos ten coñecementos para o cargo, se ben hai quen di que lle gustaría ser Director Xeral da Garda Civil, agora que parece se vai corrixir o gravísimo erro de haber fusionado as direccións xerais da Policía e a Garda Civil, por aquilo de que: ¿Quén manda máis o ministro do Interior ou o director xeral da Garda Civil?

Hai outros candidatos, como Esteban González Pons ou José Manuel Soria, ós que consideramos con menos posibilidades de ser nomeados ministros de Interior e polo tanto non entramos a valoralos.

E logo queda o efecto sorpresa ao que nos ten acostumados o noso paisano, polo que coido que non habería que descartar a algún membro do Goberno galego, relacionado con temas de seguridade.

Persoalmente teño as miñas preferencias aínda que non me xogaría nada, porque con Rajoy nunca se sabe. So lle pedimos que non se trabuque na la elección. Coa sanidade e coa educación non se xoga, pero coa seguridade tampouco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.