As propostas de C's para Santiago: un carril para runners na Alameda e un maratón popular no Apóstolo

O partido laranxa presenta este luns o primeiro bloque do seu programa para as eleccións municipais, que incide no ámbito do deporte.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/05/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Ciudadanos presentou este luns o primeiro dos bloques do seu programa para as eleccións municipais do 26 de maio, que leva por nome 'Cidade para vivir' e no que se enmarcan propostas como implementar un carril para 'runners' na Alameda e un maratón popular durante as Festas do Apóstolo, entre outras.

Candidatos de Ciudadanos en Santiago
Candidatos de Ciudadanos en Santiago | Fonte: EP

Os encargados de presentar estas iniciativas foron a candidata da formación laranxa á Alcaldía compostelá, María Vilas, e o seu número tres na lista, Francisco Javier Campos, informático e atleta que valorou que o programa deportivo do partido "está feito a medida para Santiago".

O groso do primeiro bloque do programa versou sobre "deporte, lecer e cultura sen barreiras", onde Cidadáns quere "apostar por un bo aproveitamento de espazos públicos" con "ofertas para todo o ano" fronte ao "obsoleto" programa do actual goberno local, tal e como asegurou Vilas.

Neste contexto, Campos anunciou que "promocionarán" o deporte base como "elemento de educación integral de nenos, mozos e adultos" e proxectos de "deporte inclusivo". Máis concretamente, adiantou propostas como un carril para corredores na Alameda de máis dun metro de grosor para aqueles que se atopan os domingos "coas instalacións deportivas pechadas".

Ademais, anunciaron iniciativas como un maratón popular que coincida coa celebración das Festas do Apóstolo e recuperar a Volta Ciclista da Ascensión, que hai uns anos que non se celebra.

HOMOLOGAR A PISTA DE ATLETISMO

Campos tamén prometeu alcanzar "acordos" coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para organizar eventos deportivos e asegurar o mantemento das súas instalacións, así como a "homologación" da pista de atletismo do Campus Sur.

Así mesmo, Cs promete "publicar no mes de agosto os horarios e concesións das instalacións municipais" para que os clubs se poidan "beneficiar dunha adecuada programación" en deportes como o fútbol sala ou a patinaxe.

Ciudadanos proveitou para evidenciar os "doce anos de desgoberno" que arrastra Santiago e que atopan o seu "fiel reflexo", dixo, no estado do deporte e das instalacións da urbe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta