BNG: perden todos

As decisións políticas das organizacións implicadas na crise do BNG están a comprometer a capacidade de manobra desas forzas e do propio Bloque

Por Horacio Vixande | Vigo | 19/02/2012

Comparte esta noticia

 A decisión de Encontro Irmandiño de abandonar o BNG hai que enmarcala no contexto político das dúas organizacións, que defenden as frontes como instrumento válido para o exercicio da política. Unha das características das frontes é que nas mesmas intégranse forzas políticas do mesmo xeito que poden abandonalas. Incorpóranse a elas coas súas militancias e os seus cargos públicos, por moito que os estatutos obriguen a unha afiliación individual. Por esa razón, tamén é lexítimo que abandonen a fronte por xuntos, incluídos os representantes políticos nas institucións.

Non é o mesmo caso o de Máis Galiza. Certo que é outra forza que forma parte desa fronte que é o BNG. Porén, +G sempre reclamou a conversión do BNG nun partido político e non sería coherente que abandonase a fronte marchando tamén cos cargos de representación. Se queres que a túa organización sexa un partido, terás que entender que rachar con el significa perder os postos político, como acontece sempre nos partidos.

Mais, hai moitas outras cuestións na crise do BNG. Unha é unha sucesión de acontecementos que non deixa moito lugar a dúbidas á hora de xulgala: Celébrase unha asemblea, un grupo determinado enfróntase a outro, perde, e decide abandonar a organización –quen decida facelo.

Se a sucesión de acontecementos deixa en mal lugar ao Encontro Irmandiño, polo menos no BNG deben agradecerlles a rapidez na decisión. Estamos a ver como se producen unha serie de abandonos individuais de persoas do contorno político de +G, que a pingas e ás veces con rebumbio mediático, marchan do Bloque. Desde logo, de +G ter celebrado o seu congreso coa mesma celeridade que Encontro Irmandiño, o tratamento das baixas sería distinto, ben porque toda a organización marchaba, ben porque decidía continuar, en cuxo caso as baixas non terían o mesmo significado político. Daquela, se cadra +G debería considerar a posibilidade de acelerar o seu congreso.

Que alguén que entrou nunha organización facendo pública a súa incorporación decida empregar o mesmo mecanismo no momento de marchar é comprensible. Que unha persoa que se afiliou con discreción, envíe á prensa un comunicado indicando a súa marcha, é máis difícil de comprender. Mais, tanto nun caso como no outro, as baixas anunciadas a pingas non fan máis que erosionar tanto ao BNG como a Máis Galiza. Esta última forza perde así aos poucos o seu capital político, desautorizada polos que marchan. Iso terá consecuencias tanto se decide continuar na fronte como se prefire abandonala.

É posible que en determinados ámbitos do BNG –ou en todos– a convivencia política estea deteriorada e é certo que a UPG ten unha linguaxe política que ás veces se expresa con brutalidade, mesmo no momento de debater diferenzas dentro da propia UPG. Recuperar o clima de convivencia pode ser complexo e non son quen de dar fórmulas de solución porque nin formo parte desa organización nin coñezo cal é o nivel de culpa de cada quen. En todo caso, cómpre valorar se é preferible tratar de superar esas diferenzas ou procurar unha saída política fóra da fronte.

A militancia de Encontro Irmandiño chegou á conclusión de que non ten máis opción que abandonar o Bloque, mais non valorou axeitadamente todas as consecuencias. Que un dos seus dirixentes máximos, como é Martiño Noriega, estea a facer un chamado á unidade dos gobernos municipais que están integrados por persoas elixidas en listas do BNG, pon de manifesto que non elaboraran un plan de continxencias para isto.

Certo é que hai exemplos históricos nos que prevaleceu o entendemento. O PNG no seu día abandonou Coalición Galega e, con todo, na mesma lexislatura as dúas forzas foron capaces de poñerse de acordo e participar no Goberno que presidiu Fernando González Laxe. Mais o certo é que o principal prexuízo no caso de que non haxa acordo é para EI, non para o BNG.

Hai máis aspectos que non valoraron os militantes de EI –ou que consideraron que eran obstáculos salvables. Un deles está relacionado coa súa capacidade de implantación, que se verá diminuída no caso de rachar o goberno municipal de Teo, único do que dispoñen e dos pouquísimos nos que os Irmandiños teñen representación. Trescentas persoas que, segundo parece ser, militan en Encontro Irmandiño constitúe un número moi reducido para botar a andar unha organización política. Descoñezo a composición territorial da militancia de EI, mais no mellor dos casos –que estean concentrados en tres ou catro concellos– só poderán sobrevivir localmente, sen avanzar no ámbito nacional. Os exemplos doutras forzas políticas minoritarias como IU ou FPG avalan esta tese.

E xa que mencionamos á FPG, hai que sinalar que EI ten fronte a si interlocutores no campo do soberanismo que permitirían constituír unha forza desta índole, a pesar de que ata o momento todos os intentos fracasaron. O que non se entende é a chamada de EI a Máis Galiza a crear unha nova fronte, xa que +G tenlle bastante alerxia ás frontes –alerxia que se incrementaría no caso de marchar do BNG.

Máis Galiza, se marcha do BNG, atopará un problema máis grave cos seus cargos institucionais, aínda que o menoscabo que provocará no propio Bloque a perda dos gobernos pode que leve a esta fronte a buscar unha solución negociada para manter os poucos gobernos do nacionalismo. É só unha posibilidade.

En calquera caso, se +G abandona o Bloque farao seducida polos cantos de serea dos que lle prometen un espazo político baleiro que ocupar. Son ofertas sen dúbida ben interesadas, mais completamente fóra da realidade.

Máis Galiza debería facer un pouco de memoria. Unha das organizacións que forman parte dela –aínda que tecnicamente está disolta–, Unidade Galega, no seu día sucumbiu á terra prometida do espazo electoral galeguista de centro e a súa matriz, o Partido Socialista Galego – Esquerda Galega, fíxose o haraquiri e dedicouse a dar bandazos electorais ata que por fin, moi diminuída de forzas, chegou ao BNG. Outro sería o conto de ter entrado no Bloque ao seu debido tempo; quizais hoxe a súa forza no interior sería maior e quizais tamén o BNG se tería consolidado como segunda forza política do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.