Na lembranza

Cando estaba a punto de rematar o pasado ano, tiven que someterme a unha intervención cirúrxica, xa que debía trocar un dos xeonllos por outro artificial. Ao pouco tempo de entrar no frío quirófano, veu o anestesista e inxectoume os produtos químicos pertinentes que me levaron a preto de cinco horas sumido no máis pracenteiro dos silencios.

Por José Freire | Pontevedra | 20/02/2012

Comparte esta noticia
Por uns intres esquecinme de quen gañara as eleccións, quen ía selo Ministro do Interior, se a cúpula da Dirección Xeral da Policía había sido elixida con criterios profesionais ou políticos, se Rubalcaba ía selo novo Secretario Xeral do PSOE, se Pepe Blanco fora chamado a declarar polo Tribunal Supremo, se en Andalucía continuaban facendo negocios co ERE, se o xenro do Monarca continuaba mandando os cartos para paraísos fiscais ou se a súa dona tamén estaba implicada. Ata que punto me invadía a felicidade que non lembraba se aos funcionarios nos habían metido outra fenda aos nosos salarios. ¡ Que paz e que tranquilidade !
 
Máis, de súpeto, escoitei unha voz dun velliño que se laiaba de dor e, cando abrín os ollos, dinme conta que me atopaba na UCI, que fora moi fermoso, pero que volvía á realidade da vida. Realidade que se me veu enriba cando, ao día seguinte, xa en planta, escoitei a radio e vin a televisión.
 
Todo seguía igual. Continuaba vivindo no País máis corrupto da Europa democrática. E non hai nada peor que levar a cabo prácticas corruptas e facelo como si formara parte dun comportamento rutineiro. E iso está a pasar en España dende fai moito tempo. O amiguismo, o enchufismo, a prevaricación, o uso indebido dos medios e fondos públicos para fins privados, instaláronse no comportamento dos políticos e xestores públicos, sendo visto con indiferenza pola sociedade, asumindo que, onde hai posibilidade de roubar algo que é de todos, todos roubarían.
 
Pensaba que calidades como a honestidade, respecto, coraxe, lealdade, rectitude, honor, dignidade, entrega, espírito de servizo, se atopaban prostituías na España actual. Estaba trabucado.
 
O feito acaecido na praia do Orzán da Coruña, veu a amosar que aínda quedan persoas que reúnen estas calidades. Rodrigo, Xosé e Xavier, tres funcionarios do Corpo Nacional de Policía, deron unha tremenda lección de entrega, sacrificio e humanidade, enaltecendo a imaxe dunha profesión a que tanto quere a inmensa maioría da sociedade, aínda que existan algúns sectores que están esperando o máis mínimo fallo para criticala e deostala.
 
Seguramente ao longo da súa carreira profesional, Rodrigo, Xosé e Xavier, estiveron a pé de rúa atendendo ao cidadán alá onde os requiriron, facendo de todo, dende o máis sinxelo o máis complexo, e todo ben. Truncaron roubos, disolveron pelexas, consolaron á familia dun falecido, indicaron rúas, evitaron furtos, auxiliaron a accidentados, incautaron droga, ¡E SALVARON VIDAS! E todo iso, tomando decisións en décimas de segundo.
 
Por se isto fose pouco, a miúdo se toparon coa cara menos amable deses cidadáns aos que defenderon sen miramentos. Seguramente entraron nun bar a tomar un café ao comezo do servizo. E alguén os viu e pensou: míraos, que ben viven, de servizo e no bar. O que non saben é que traballades 10 horas de noite, logo de patrullar outras tantas durante a mañá dese mesmo día e case as mesmas horas na tarde anterior. E todo iso conducindo un vehículo, ás veces a fume de carozo, e estando alerta de todo o que ocorría ao voso redor. Correndo detrás dun delincuente que roubara un bolso a unha muller que podía ser a súa avoa, nai ou irmá; disuadindo aos delincuentes de, por exemplo, roubar no seu coche. E que cada vez que saían ao servizo as súas nais e esposas non sabían se volverían vivos, como desgraciadamente así ocorreu.
 
 A pesar de todo isto, serviron a eses cidadáns e ao resto, e fixérono convencidos e con vocación.
 
Aínda queda xente neste País que segue valendo a pena

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.