Plásticos e anzois ameazan os tiburóns que explota a frota galega

Un novo estudo feito polos biólogos Gonzalo Mucientes e Nuno Queiroz mostra o impacto destes materiais en quenllas e marraxos no Atlántico Norte e no Pacífico Sur. Galicia é unha potencia mundial na explotación comercial destas especies.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os marraxos (Isurus oxyrinchus) e as quenllas (Prionace glauca) atópanse baixo unha intensa presión pesqueira pola actividade de palangreiros comerciais de todo o mundo, debido ao suculento comercio de aletas e carne destas especies. Galicia é unha potencia mundial na captura e comercialización destas especies (quenllas e marraxos son obxectivo dos palangreiros galegos e portugueses, que desembarcan as capturas no porto de Vigo, cuxa lonxa é un dos principais centros comerciais internacionais destas especies e tamén un dos máis sinalados pola comunidade científica pola sobreexplotación de quenllas e marraxos xuvenís). Con todo, o sector galego de palangre está desenvolvendo un proxecto de mellora da pesquería para facela máis sustentable e Galicia busca liderar a loita mundial contra a corta de aletas de tiburóns.

Lesións causadas por anzois e plásticos en tiburóns. Fotos A e B: plástico enredado na área branquial. Fotos C e D: anzois enganchados en boca e fígado. Fotos E e F: tecido cicatrizado ao redor dun paquete de poliolefina (plástico) e unha corda plástica ao redor do corpo da quenlla
Lesións causadas por anzois e plásticos en tiburóns. Fotos A e B: plástico enredado na área branquial. Fotos C e D: anzois enganchados en boca e fígado. Fotos E e F: tecido cicatrizado ao redor dun paquete de poliolefina (plástico) e unha corda plástica ao redor do corpo da quenlla | Fonte: Gonzalo Mucientes e Nuno Queiroz, en Marine Pollution Bulletin 143 (2019) 6–11.

Pero quenllas e marraxos enfrontan outras ameazas antropoxénicas (as causadas pola acción do ser humano), como son a contaminación por plásticos dos ecosistemas mariños e o uso de anzois na pesca de palangre, que xera a captura accidental dun importante número de tiburóns na pesca comercial de atún e peixe espada.

Ante este panorama, Gonzalo Mucientes e Nuno Queiroz –científicos adscritos ao CIBIO/InBIO da Universidade do Porto e o grupo científico galego Ecoloxía Azul– analizaron a incidencia do plástico e tamén dos anzois nestas dúas especies de tiburóns peláxicos explotadas comercialmente no Atlántico Norte e no Pacífico Sur. Os investigadores constataron que as quenllas son potenciais “recolectores” de restos de plásticos que flotan en mar aberto. Tamén corroboraron que o impacto e a incidencia dos anzois nos tiburóns é “importante”, pero “está mal estudado”.

O tereftalato de polietileno é o tipo de plástico máis común atopado no estudo; un material non biodegradable moi utilizado na fabricación de envases de bebidas e textiles

Os resultados das súas análises demostran que no Pacífico Sur, o 1,18% das quenllas capturadas conteñen restos de plásticos nos seus corpos e o 4,82% ten anzois retidos. No caso dos marraxos comprobouse que ningún exemplar dos estudados contiña restos de plásticos e o 1,76% presentaba anzois retidos. No Atlántico Norte, o 0,21% das quenllas tiña restos de plásticos, mentres que o 0,37% desta especie e o 0,78% dos marraxos mostaron presenza de anzois.

PLÁSTICOS

O tereftalato de polietileno foi o tipo de plástico máis común atopado neste estudo. Trátase dun material derivado do petróleo, moi utilizado para a fabricación de envases de bebidas e textiles, que non é biodegradable e que “pode tardar de cen a mil anos en degradarse”.  “Durante este tempo, o plástico interactúa co medio ambiente e pode causar lesións graves en animais mariños”, apuntan os autores do estudo.

A comunidade científica xa ten documentada en 16 especies de tiburóns a relación entre a presenza de plásticos no medio mariño e as lesións relacionadas con estes materiais nestes seres mariños, agora corroborada polos resultados deste estudo.

Os científicos observaron diferenzas na presenza de residuos plásticos entre os marraxos e as quenllas, xa que no caso dos primeiros non se atoparon restos de plásticos. “Esta diferenza pode estar relacionada con diferenzas de comportamento, xa que as quenllas azuis xeralmente mostran un comportamento máis curioso/exploratorio e pasan máis tempo ao redor de posibles presas”, xustifican.

"Os nosos datos mostran uns niveis preocupantes de contaminación plástica en quenllas en mar aberto”, salientan os biólogos

O estudo reporta taxas similares de contaminación plástica en quenllas ás rexistradas en estudos previos; porén, os autores advirten de que “hai unha falta xeral de datos cuantitativos na presenza de plástico nas quenllas”.

Os investigadores salientan que existen evidencias científicas de que “a incidencia do plástico no océano aberto é ampla". Así, sinalan que “por exemplo, no Océano Pacífico, algúns estudos reportaron lesións inducidas por plásticos nas  branquias e o estómago do tiburón balea (Rhincodon  typus)”.

Para solventar este problema, cren que “o desenvolvemento e uso de plásticos biodegradables e fotodegradables podería ser unha forma máis de mitigalo”, se ben matizan que “estudos recentes suxiren que a velocidade á que se degradan estes plásticos non é o suficientemente rápida como para previr a  morbilidade en animais mariños”. “Con todo”, indican, “a presenza de residuos plásticos na megafauna peláxica segue sendo pouco estudada, xa que os nosos datos mostran uns niveis preocupante de contaminación plástica en quenllas en mar aberto”.

ANZOIS

No que respecta aos anzois atopados en marraxos e quenllas, estudos previos sinalaron unha importante incidencia deste aparello no Atlántico Sur, que correspondería a aproximadamente ao 33% da captura de tiburóns durante o desenvolvemento do experimento. Con todo, o estudo asinado por Mucientes e Queiroz mostra algunhas diferenzas nas taxas de incidencia de anzois entre o Pacífico Sur e o Atlántico Norte, con taxas máis altas observadas no primeiro.

“Isto podería deberse a diferenzas metódicas e operativas entre as frotas pesqueiras que operan nas dúas rexións, xa que as quenllas se consideran xeralmente como captura  incidental e descártanse no Pacífico Sur, o que aumenta a probabilidade de observar tiburóns con anzois”, explícase. Pero “tamén é debido en moitos casos á conformación do aparello noutras frotas internacionas e os tiburóns escápanse”, aporta Mucientes.

As lesións nos tiburóns por anzois poden ser causa directa de morte; no estudo, por exemplo, observouse o “esófago severamente danado” dun marraxo

O problema dos anzois, afondan, é que “poden causar unha variedade de patoloxías graves, como esofaxite, gastrite, hepatite e peritonite proliferativa, ou mesmo peritonite e pericardite asociadas con perforación gástrica”, advirten en base a estudos científicos previos.

“As lesións histolóxicas causadas por anzois vellos xeralmente consisten en ulceración da mucosa, fibrose transmural e esofaxite necrotizante”, engaden.

Estas lesións nos tiburóns producidas polos anzois poden, polo tanto, ser causa directa de morte. Neste estudo, por exemplo, observouse o “esófago severamente danado” dun marraxo debido a un anzol.

"CUESTIÓN DE URXENCIA"

En base ao coñecemento científico adquirido, os investigadores explican que “nun contexto onde o problema da contaminación plástica está a aumentar, son necesarios máis estudos para avaliar o impacto real” dos plásticos nestas especies, ademais dunha “mellor cuantificación das taxas de captura incidental” con anzois.

Os investigadores apelan ao papel fundamental que poden xogar os lexisladores na problemática relacionada cos plásticos para estas e outras especies mariñas, xa que “a lexislación pode desempeñar un papel importante na regulación do uso de materiais plásticos”. E consideran unha “cuestión de urxencia” resolver este problema.

Os resultados do estudo, titulado ‘Presence of plastic debris and retained fishing hooks in oceanic sharks’, publícanse na revista científica Marine Pollution Bulletin.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galeguiña

A solución é sinxela; pasa por prohibir o emprego dese material na industria e tamén a pesca de tiburóns. Quen consume ese peixe? Cales son os beneficios desa explotación pesaqueira? No consumo das familias non está presente, non é unha especie de consumo habitual polo que é posible que haxa outros intereses que xustifiquen a súa pesca. Cales son? Alguén podería dicirmo?