Un 7% dos galegos ten dificultades para chegar a fin de mes, segundo o INE

O ingreso medio por persoa na comunidade sitúase en 11.239 euros en 2018, un 1,54% por baixo da media

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Galicia foi a cuarta comunidade autónoma con menor porcentaxe de fogares que chegaron a fin de mes con moita dificultade en 2018, cun 7%, detrás de Aragón (4,1%), Castela e León (4,5%) e País Vasco (6,4%).

Mentres, o ingreso medio por persoa na comunidade situouse en 11.239 euros o ano pasado, un 1,54% por baixo da media (11.412 euros), pero un 4,52% por encima do dato galego de 2017 (10.753 euros), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (AROPE, polas súas siglas en inglés) é do 23% en Galicia en 2018, fronte ao 26,1% da media. O risco de pobreza, pola súa banda, alcanza o 18,8% na comunidade, fronte ao 21,5% do conxunto estatal.

De acordo coa enquisa de condicións de vida que publica o INE, un 45,6% dos fogares galegos non poden permitirse ir de vacacións fóra de casa polo menos unha semana ao ano, mentres que o 23,1% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, o 7% ten moita dificultade para chegar a fin de mes e o 4%, atrasos nos pagos relacionados coa vivenda principal.

INGRESO MEDIO DE 11.410 EUROS EN ESPAÑA

Os ingresos medios por persoa alcanzaron en 2017 os 11.412 euros, cifra un 3,1% superior á de 2016 e a máis alta de toda a serie histórica. É o cuarto ano consecutivo no que aumentan os ingresos medios por persoa e o segundo no que se exceden os 11.000 euros.

Os ingresos medios anuais máis elevados en 2017 déronse en País Vasco (14.722 euros por persoa), Navarra (13.585) e Cataluña (13.338), mentres que os máis baixos corresponderon a Estremadura (8.503 euros por persoa), Canarias (8.964) e Murcia (9.111). Con datos xa correspondentes a 2018, o INE sinala que o 36% dos fogares españois non tiña capacidade para afrontar gastos imprevistos o ano pasado, fronte ao 37,3% de 2017.

O organismo considera que os fogares teñen capacidade para facer fronte a gastos imprevistos cando dispoñen de recursos propios para iso, é dicir, sen recorrer a préstamos ou compras a prazos para pagar gastos habituais que antes se liquidaban en man. A enquisa revela tamén que o 10,4% dos fogares chegaba a final de mes con "moita dificultade" en 2018, porcentaxe que aumentou 1,1 puntos respecto de 2017.

O INE apunta ademais que o número de fogares que non se puido permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano situouse en 2018 no 34,2%, dúas décimas menos que en 2017. Segundo o organismo estatístico, o 7,3% dos fogares admite que se atrasa nos pagos á hora de abonar gastos relacionados coa vivenda principal nos 12 meses anteriores á enquisa. Esta porcentaxe apenas se reduciu unha décima respecto de 2017, pero é o máis baixo desde o ano 2011.

Taxa de risco Arope en Galicia en 2018. EPDATA
Taxa de risco Arope en Galicia en 2018. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Queirugán

Moito zucre verque o INE nistes dados. De non ser polas pensións dos vellos, a hortiña, as pitas e o porquiño na aldea dos abós, a axuda dos emigrados, o aforro en base á privación e a solidariedade intrafamiliar/veciñal as cifras reais de pobreza en Galiza poñerían os pelos de punta. A pobreza enerxética é outro factor (coñezo casa que se non for pola leña do monte non pasarían o inverno). E a cousa vai a pior porque a Xunta está en mans de sociópatas que teñen mercados ou manipulados ós medios públicos e privados de información. Hai concellos terceiromundistas (e moitos) no noso país. É o que ten sermos unha colonia.