O BNG esixe a actuación da Xunta pola falta de pagamento á seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras

Pola súa banda, o PSdeG reclama á Deputación de Ourense o arranxo "inmediato e definitivo" da estrada que une Leiro e Berán, despois de que "o Goberno de Manuel Baltar deixase a medias as obras".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O BNG denunciou a situación de "falta de pagamento" da empresa Servizos de Seguridade Integral e Mantemento A1 S.L., contratada nos hospitais de Verín e Valdeorras (Ourense), e criticou "o deixamento" do Goberno galego por "mirar para outro lado".

A deputada do BNG Noa Presas denunciou que a Xunta "ten coñecemento" dos atrasos nos cobros, e afeoulle o seu "exemplo lamentable no sector privado, permitindo que os traballadores soporten condicións abusivas".

"Estamos a falar dun servizo privatizado que se paga con diñeiro público", explicou Presas. A empresa, sinalaron desde BNG, tivo demora de "varios" meses para o pago en "xaneiro, febreiro e xuño" e non abonou aínda o salario de xullo.

O BNG informou que levarán esta cuestión ao Parlamento Galego, xa que, segundo a deputada nacionalista, "debe esixir que a empresa cumpra as condicións do convenio ou debe iniciar trámites para rescindir a concesión".

Presas esixe que a Xunta actúe ante a demora dos cobros da seguridade en dous hospitais de Ourense. BNG
Presas esixe que a Xunta actúe ante a demora dos cobros da seguridade en dous hospitais de Ourense. BNG | Fonte: Europa Press

RECLAMAN O ARRANXO DA ESTRADA ENTRE LEIRO E BERÁN

O PSdeG demandou á Deputación de Ourense o arranxo "inmediato e definitivo" da estrada OU-0307, que une Leiro e Berán, despois de que "o Goberno de Manuel Baltar deixase a medias as obras".

Diso informou a formación política nun comunicado no que expón que fai case cinco anos que se procedeu á ampliación dunhas curvas e desde entón "o tramo segue sen asfalto e con fochancas". Así, o deputado Nacho Gómez e o portavoz socialista de Leiro (Ourense), Manuel Rodríguez, realizaron un percorrido este xoves pola infraestrutura para "constatar o absoluto deixamento e abandono reiterado".

"A pesar dos constantes anuncios propagandísticos e visitas grandilocuentes do PP, tanto desde o concello como desde a deputación, realmente nin se preocupan por ter en condicións óptimas unha das estradas principais", reclamou o PSdeG.

Pola súa banda, Gómez e Rodríguez denuncian a "falta" dun plan de estradas provincial "rigoroso e con dotación orzamentaria suficiente". "Ano tras ano a Deputación de Ourense executa pequenas obras e chapuzas e, en lugar de solucionar os problemas ou mellorar a seguridade e comodidade, xeran novos problemas aínda maiores", criticaron.

Conforme a isto, anunciaron que volverán solicitar explicacións ao goberno provincial e ao alcalde coa finalidade de que "aclaren" por que non proceden a finalizar a obra, así como a "corrección" das "evidentes deficiencias, dunha vez por todas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta