As análises conclúen que as augas termais de Ourense "non supoñen un perigo para a saúde humana", como dixo o PSOE

A Universidade de Vigo, a petición do Concello, emitiu un informe aclaratorio que conclúe que cumpren con todos os requisitos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 13/09/2019 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O laboratorio da Universidade de Vigo concluíu no seu informe que "as augas mineromedicinais dos espazos termais de Ourense non supoñen un perigo para a saúde dos usuarios". Así o recolle o documento cos resultados microbiolóxicos obtidos a partir das mostras de auga recollidas nos espazos termais de uso público e que foi entregado no rexistro do Concello, a petición da concellaría de Termalismo.

Piscina Termal As Burgas, Ourense
Piscina Termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

Á vista dos resultados, o mesmo laboratorio, encargado de realizar os informes mensuais das augas termais, pon de manifesto que "os espazos termais cumpren cos requisitos establecidos pola lexislación vixente relativa ás augas de baño".

ACUSACIÓNS DOS SOCIALISTAS

As conclusións do informe aclaratorio solicitado desde a concellaría de Termalismo desmenten as acusacións vertidas polo grupo municipal socialista que aludía á "contaminación tóxica" das augas termais.

Así mesmo, no apartado final do documento, o persoal do laboratorio incide na necesidade de facer uso das augas termais "seguindo estritamente as normas establecidas".

Concretamente, a valoración dos resultados, realizada en función do establecido na lexislación de augas de baño, recolle que as augas da piscina termal das Burgas e das zonas do Muíño e Burgas de Canedo presentan unha calidade boa. Mentres que as termas situadas na Chavasqueira e Outariz reúnen a calidade suficiente para non supor un perigo para a saúde dos seus usuarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta