Galeguizar xantares e ceas de empresas

Estamos ás portas coma quen di das celebracións do nadal. Os hostaleiros preparan xa as súas ofertas para os xantares e ceas de empresa ofrecendo variados menús. E os encargados de os organizar elixirán os mellores prezos; ou se cadra non. En todo caso, o criterio para a faceren a escolla é o embute do condumio.

Por Xosé Glez. | Redonela | 11/11/2019

Comparte esta noticia
Aproveitaranse estas ocasións, como adoita ser costume, para falar das reivindicacións salariais  e  das  que afecten ás relacións laborais, amais doutras distendidas brincadeiras  Con toda probabilidade a voz cantante levaráa o dirixente do colectivo, que en moitos casos é un representante sindical. 
 
Por todo isto, consideramos oportuno facer algunhas reflexións sobre este particular, aproveitando a celebracións que se aveciñan.
 
Temos observado que nos máis destes xuntoiros gastronómicos, mesmo os máis afoutos dirixentes sindicais non son quen de exerceren o pedagóxico maxisterio da racionalidade. Na escolla dos produtos que se van consumir non priman os do pais fronte aos foráneos. Nin se presta atención a  se están etiquetados en lingua galega, pola importancia que teñen para normalizala máis aló do   ámbito literario, que é reducido.
 
Nestas prácticas de doméstica causa, os organizadores  deberían reparar máis na transcendencia que ten unha actitude desleixada doutra responsable e coherente. Máis aínda se temos en conta que moitos traballadores proceden do rural onde malviven os seus veciños e familiares de explotación agrícola sen viabilidade por non teren abondos consumidores que demanden os seus produtos. Velaí unha falta de solidariedade grave con eles e co proxecto de pais que aínda está por facer. Na súa inconsciencia non se decatan que están a arrebolar pedras contra o tellado común.
 
De nada valen os recorrentes  discursos sobre a críse económica que se adoitan  escoitar nalgunhas   convocatorias, se logo desaproveitamos as oportunidades que se nos presentan para poñermos en práctica esa  pedagoxía social galeguizadora da que estamos a falar. 
 
Tales son as celebracións do 1º de maio, cando se enarboran bandeiras e faixas con lemas reivindicativos, ou enxordecedores discursos para denunciar o abandono do agro, se logo os traballadores en canto consumidores non demandan os nosos produtos   son de gran calidade, por certo.
 
E que dicir dos acendidos discursos de exaltación  patriótica pronunciados nas celebracións do Día da Patria Galega denunciando os causantes dos males de Galicia, se os afervoados asistentes a tales concentracións non optan polo consumo de produtos da Terra, escollendo entre eles preferentemente os que estean etiquetados en galego.
 
Tampouco se entende moi ben a rotineira  actitude dos dinamizadores culturais e docentes que promoven nos centros de ensino  a celebración do Día das Letras Galegas, demandando  que  se merque libros en galego, como se esta  fose a única táboa de salvación da nosa lingua, sen teren en conta que a transversalidade dos comportamentos é a solución do problema. 
 
Con este tipo de actitudes queda demostrada a fouxeza do galeguismo na vida cotiá dos galegos. 
 
A centrais sindicais, que hai varios anos asinaron publicamente a “Declaración do consumo responsable” nun acto promovido pola Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (póla do Foro E. Peinador) teñen agora a oportunidade  de dirixirse aos seus afiliados apelando a coherencia e solidariedade cos traballadores do sector agroalimentarios e das súas industrias de transformación.
 
A nosa economía para ser sustentable precisa do apoio dos consumidores, sobre todo daqueles que teñen como discurso a defensa de Galicia. Poden galeguizar a economía se queren. Demandámoslles  o exercicio   dun galeguismo coherente.
 

Os produtos da horta de Lino
Os produtos da horta de Lino | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA