Temas: FRASEOLOXíA

“(Coas # De) Mans na illarga”, equivalente ó castelán “(de) brazos en jarras”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/12/2019 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Para identificar a posición na que unha persoa sitúa cada un dos seus puños, ou das súas mans, apoiados na parte da cintura que queda no lado do correspondente puño ou man, pondo ao mesmo tempo os cóbados dobrados e separados do corpo, en castelán úsase basicamente a locución (de) brazos en jarras. Para fornecer ese mesmo significado, en galego contamos, xa de vello (atópase, por exemplo, rexistrada por Juan Sobreira Salgado a finais do século XVIII), coa locución (coas) mans na(s) illarga(s).

Apertón de mans, saúdo
Apertón de mans, saúdo

(De # Con los) Brazos en jarra(s)

{= Con cada un dos dous puños, ou das dúas mans, apoiados na parte da cintura que queda da banda do correspondente puño ou man e os cóbados dobrados e separados do corpo.}

(Coas # De) Mans na illarga

(Coas # De) Mans nas illargas

Ex.: Los dos jugadores implicados en la jugada, (de) brazos en jarras, esperando la decisión del VAR.

Os dous xogadores implicados na xogada, (coas) mans na illarga (de) mans nas illargas, agardando a decisión do VAR.

Ex.: En la foto que vimos salía sonriendo y con los brazos en jarras.

Na foto que vimos saía sorrindo e coas mans na illarga e coas mans nas illargas.

● Tamén:

(Con las # De) Manos en la cintura

(Coas # De) Mans na cintura && (Coas # De) Mans no van

● Mesmo tamén:

(Cos # De) Brazos en cáliz && (Cos # De) Brazos en asas

● E inda tamén:

En jarra(s) && De jarras && En asas

De asas && En asas

Ex.: Os dous xogadores implicados na xogada, (coas) mans na cintura (de) mans no van (cos) brazos en cáliz (de) brazos en asas de asas, agardando a decisión do VAR.

Ex.: Na foto que vimos saía sorrindo e coas mans na cintura e coas mans no van e cos brazos en cáliz e cos brazos en asas e de asas.

NOTAS:

1. Velaquí a seguir algún léxico que podería resultar descoñecido ou dubidoso para certos lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Illarga (DRAG): substantivo feminino Illar. Levaba un neno apoiado nas illargas tapadiño cun cobertor. Cravoulle as esporas nas illargas e o cabalo saíu ao galope.

Van (DRAG): [...] substantivo masculino [...] 5. Estreitamento do corpo humano por riba das cadeiras. A saia quédame apertada no van. Sinóns.: cintura, cós. 6. Cavidade entre as costelas e os ósos das cadeiras. Levábaa collida polo van. Confróntese: illarga.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta