PSOE e En Marea critican duramente a posible implantación dunha universidade privada en Galicia

Villares considera "inaceptable en termos educativos e investigadores" esta universidade. O PSdeG instou ao Goberno da Xunta a "escoitar" aos reitores das universidades públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2019 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

En Marea e o PSdeG advirten seriamente á Xunta sobre a implantación dunha cuarta universidade, desta volta, privada en Galicia. Consideran que favorecería ás clases "máis ricas" e competería en condicións vantaxosas cos centros públicos.

O portavoz do grupo mixto e de En Marea, Luís Villares, nunha rolda de prensa. EN MAREA - Arquivo
O portavoz do grupo mixto e de En Marea, Luís Villares, nunha rolda de prensa. EN MAREA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así, o portavoz do partido En Marea, Luís Villares, cualificou de "inaceptable en termos educativos e investigadores" a creación da universidade privada que promove Fundación Galicia Obra Social-Afundación, da entidade financeira Abanca.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes en sede parlamentaria, Villares denunciou "incumprimentos de carácter formal" na documentación presentada ante o Consello Galego de Universidades, que o pasado luns informou favorablemente á súa creación pese ao rexeitamento expresado polas tres institucións académicas públicas de Galicia. Tras incidir en que o grupo mixto continuará coa súa oposición ao proxecto no seu labor parlamentario, o portavoz de En Marea culpou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de "constreñir" o sistema público de universidades "durante anos" para favorecer a súa "privatización".

"Hai unha estretegia clara por privatizar o sitema univestario público galego, e isto é a corolaria. Non queremos que os bancos vampiricen o sistema universitario nin que os políticos incendien a universidade pública", engadiu Villares, que afea á Xunta que abra a porta a unha institución "que vén competir" coa pública baixo o impulso dunha entidade finaciera "que se financiou con 9.000 millóns de euros dos galegos".

"A Xunta sitúase ao lado dos que van esnaquizar a universidade pública galega", incidiu antes de valorar a oposición expresada polos reitores da USC, UVigo e UDC durante a reunión do Consello Galego de Universidades, "un foro que debería defender o pública" pero que avalou o proxecto "porque o PP tiña blindada a votación", segundo Villares.

"INCUMPRIMENTOS FORMAIS"

Así as cousas, Villares detallou que existen "incumprimentos de carácter formal" no procedemento para a posta en marcha desta iniciativa promovida por Abanca. Deste xeito, asegurou que ante o Consello Galego de Universidades "non se presentou a documentación básica" como "unha memoria financeira" ou o "informe xurídico" no que figure en que consellería "encadraríase" a nova universidade privada.

Augurou que a creación desta iniciativa derivará nunha "situación de competencia desleal" entre o sistema público e a universidade privada. "Opómonos tajantemente á aprobación de calquera universidade privada porque non fai falta. O sistema público responde as necesidades de educación e investigación do país, non fai falta que veña a privada a competir coa pública", subliñou o portavoz do grupo mixto.

O PSdeG ÚNESE ÁS CRÍTICAS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao Goberno da Xunta a "escoitar" aos reitores das universidades públicas cando "advirten" do "risco" de introducir institucións de ámbito privado no sistema universitario galego.

Respecto diso, Gonzalo Caballero destacou o traballo das universidades galegas en docencia e investigación e advertiu dos "riscos" de apostar por modelos universitarios que "non teñan todas as garantías de calidade", que non "cumpran todos os requisitos" e "de forma transparente". "Non cremos que podamos xerar títulos universitarios sen ter toda a solvencia e toda a garantía do que ten que ser unha universidade acorde ao noso sistema universitario e tamén á realidade das institucións do noso país", indicou.

Por iso, incidiu na necesidade de que a Xunta "escoite" aos reitores e á comunidade universitaria para "defender o público" e "garantir" que calquera novo escenario no Sistema Universitario Galego (SUG) teña "todos os requisitos legais de calidade investigadora e docente" para que non se convertan en "mecanismos para xerar títulos sen as garantías necesarias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta