Santa Uxía de Mandiá 2012

Once de setembro. Imos ter festa. Quero achegar algo referente á nosa historia que vén de moi antigo. Somos “O Señorío de Mandiá” foi importante na Galiza. (Vila Mandilanis, O Casal de Mandila). Desta familia foron oriúndos dous célebres bispos: Don Rodrigo de Mandiáa e D. Xosé Francisco Bermúdez de Mandiá. O primeiro, un excelente xurista e o sobriño neto, un bo teólogo bíblico. Deixaron escritos moi importantes. A Enciclopedia Galega fálanos deles.

Por Xaquin Campo Freire | Mandiá | 25/08/2012

Comparte esta noticia

 

Máis persoeiros de Mandiá? Primeiro, os veciños de toda a vida. E, modernamente, D. Manuel Comellas, fundador e director de “El Correo Gallego”. Ten unha rúa en Ferrol Vello.  

Segundo os xornais, Uxía  é un dos nomes preferidos para as nenas. Primeiro escollen o nome e, xa medrada a criatura, chegan á parroquia preguntando pola vida da santa, día do onomástico, orixe e significado,  persoas célebres que levaron tal nome, lugares do mundo que se chaman así, etc.  Mas, disto xa tratamos en anos anteriores. Nesta xeira imos pararnos só na palabra Uxía para coñecer mellor este fermoso nome de home ou muller. Que nos din os especialistas? O profesor FERRO RUIBAL X. et al., no Diccionario dos nomes galegos, Ir Indo, Vigo 1992, pp. 515-516, dan estes datos:

«UXÍA/UXÍO.- VARIANTES: Euxenio. Euxenia. Euxeo. Euxea. Oxea. HIPOCORÍSTICOS: Xenia. Xeniña. ÉTIMO: A forma masculina deriva do grego Eugheneios, de eu... “ben, bo” e genos, “nacemento, orixe”: “ben nacido, de boa caste”, a través do latín Eugenius. A forma feminina grega Eughenía (latín Eugenia) seguramente non é un feminino creado sobre o nome persoal masculino, senón unha formación más antiga que parte do substantivo abstracto Eughéneia, poeticamente eughenía “nobreza de nacemento”. Desta forma acentuada no i procede a forma feminina galega; a masculina formouse posiblemente por analoxía con ela.»

FAMILIA DE PALABRAS. Elas, coma nós, tamén teñen familia e tamén están de festa. Percorramos xuntos diversos dicionarios e enciclopedias para saberlles a parentela:

EUXENÍA-: Palabra composta de  -eu  e xénese. Bo nacemento. (EU... : Prefixo grego de composición de palabras que designa bondade, excelencia, perfección.XÉNESIS:  xeramento, orixe).

EUXENIA.- s. f. Biol. Estudo e cultivo das condicións que poden mellorar as condicións  e as calidades das xeracións vindeiras. // Aplicación racional  das leis da xenética á reprodución humana, preconizada polo naturalista inglés Francis Dalton ( 1822- 1911), co fin de obter a mellora das estirpes, tanto no punto  de vista físico como mental. // Figura alegórica  que representaba a antiga nobreza grega. (Do grego:  eugenía, bo nacemento)

EUXENIA.- f. Bot.  Xénero de plantas mirtáceas, cuxas especies, máis de medio milleiro, medran nas rexións moi cálidas.

EUXENIA.- f. Astr. Asteroide número 45 da serie, descuberto por Goldschmidt no ano 1857.

EUXENESIA.- f. Biol. Ciencia que estuda a mellora, desde o punto de vista biolóxico, dos individuos dunha especie vexetal ou animal.-// Aplicación das leis biolóxicas da herencia ao perfeccionamento da especie humana. (Do  grego: eu..., bo, boa;   e génesis:  xeramento, orixe)

EUXENÉSICO, CA.- adx. Pertencente ou relativo á euxenesia.  Que presenta boas condicións para producir boa descendencia, capaz de mellorar a raza.

EUXÉNICO, CA.- adx. Quím. Dise dun ácido que se obtén oxidando a esencia de cravo e que se usa na medicina, especialmente en odontoloxía como anestésico.

EUXENISIS.- f. Astr. Asteroide número 743 da serie, descuberto por Kaiser en 1913.

EUXENISMO. m. Estado favorábel da herencia que tende a producir unha existencia favorábel e feliz. Relativo á eugenía.

EUXENISTA.- n. m. e f.  Persoa que practica, exerce ou estuda a euxenesia.

EUXENOL.- m. Quím. Nome que se lle dá ao ácido euxénico.

EUXERIA. Mit. Diosa a quen as damas romanas facían sacrificios para que as preservase durante a súa preñez e lles procurase un parto bo e feliz.

CONCLUSIÓN:  “BEN NACIDO/A, DE BOA CASTE”. Así somos nós e queremos seguir sendo. Como se deixa ver vale a pena chamarse UXÍA  ou  UXÍO. Desde moitos séculos nós levámolo con honra e fachenda na Parroquia de Mandiá-Ferrol. Para iso ela é a nosa Padroeira. Sigamos escollendo ese nome para os nosos nenos/as. É ben eufónico, poético  e musical. E na  forma galega , como din os rapaces, “mola”. Que haxa festa e esa sexa boa!

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.